Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

"La voye royale"

Na miña mocedade respectábase criticamente as figuras de Charles de Gaulle e de André Malraux. Algúns de nós chegaron a ler as ben luídas páxinas do militar sobre táctica de carros de combate e bastantes máis gozaron da prosa fácil, de tipo norteamericano, do narrador que bombardeara desde o seu avión internacionalista o Alcázar de Toledo. O título dunha novela de Malraux é "La voye royale" ou sexa "O Camiño Real".

O avance dos acontecementos históricos ten a forma dos carreiros que se bifurcan. Por qué eliximos unha desas opcións e non outra é cousa que forma parte da intuición individual. Se só se tratase diso, a política estaría en mans dos tafures. De Gaulle, por exemplo, non foi un tafur e escolleu, como Vasco Gonçalves faría anos máis tarde, a alianza cos comunistas, sequer, no caso do francés, de forma transitoria e supeditada á liberación de Francia e á ruína do nazifeixismo. Eiquí e agora, o camiño real que estamos a escoller é o da alianza de todos e de todas os que estean dispostos a superar o réxime que nos foi imposto, á morte de Franco.

En Galicia limpouse un camiño que estaba cegado pola falta de uso. Rozouse o vello camiño da Fronte Popular polo que transitaran collidos do brazo en 1936 os comunistas, os socialistas, os republicanos e, con Castelao e Bóveda, os galeguistas merecentes de tal nome. A nova alianza chamouse AGE, e obtivo magníficos resultados. As presenzas de Yolanda Díaz e de Beiras marcaron un modo que xa se anunciara había anos no documento "Posición Soto", que a Galicia política tivo ocasión de ler n'A Trabe de Ouro. Houbo nacionalistas que rexeitaron a unión, aínda que despois, tarde e mal, ergueron sen convicción tal bandeira.

A bandeira da unidade só pode arborarse, en política, con ánimo leal e con amor. Despois viñeron as Marés, que encheron e removeron os fondos políticos do país. Removeron mesmo os mortos: Marx falou de que os movementos históricos grandes tamén teñen como axentes os antepasados, aínda que esas non foron as súas palabras exactas. Alcaldes das Marés en Coruña, Ferrol e Compostela, é algo que representa a reapertura definitiva da "voye royale". Tres concelleiros da Maré nun Vigo rendido ao liderato do seu actual alcalde, é unha victoria que anuncia outra época. Estes días nacionalistas que estiveron contra AGE e combateron cegamente contra as Marés deberían, a ben da Nación, incorporarse ao camiño real de bon ánimo e con ledicia. E quen somos nós? (preguntábase Castelao). Todos os galegos antifeixistas (respondía). Velaí está o bon camiño.

Compartir el artículo

stats