Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

"Avante, Camarada"

"Necesitamos mapas congnitivos", insistía Fredric Jameson. Se un español olla con inocencia o mapa, encontrarase con que unha tira máis ben estreita lle tapa ao seu país a costa Atlántica. Comproben que ese tirelo vertical no mapa, xeralmente pintado de verde, recibe o nome de Portugal e sofre, ao Norte, unha inexplicábel interrupción ou saída ao Atlántico de España que chamamos Galicia. Cando os servizos metereolóxicos españois informan sobre o estado do tempo na Península Ibérica métenlle un corte a Portugal e fan desaparecer o seu territorio, polo cal na tele haberá datos sobre a marxe dereita do río Miño pero non sobre a súa marxe esquerda. Con toda lóxica os españois de Aragón modifican os seus reloxios ao viaxaren a Lisboa, pero nosotros, os habitantes atlánticos do Noroeste, temos que facer o mesmo forzados por razóns estrictamente de carácter político que resultan contra Natura. Ninguén se pregunta en España por que existe Portugal e por que, se Portugal estaba en Hispania, non está en España. Sobre 1972, este cronista publicou en Triunfo de Madrid unha reportaxe sobre a oposición portuguesa, e persoas moi ben informadas da oposición española aseguráronlle non teren lido nunca un libro de Alvaro Cunhal. Certo que, despois do 25 de abril e durante algún tempo, os locutores de Madrid pronunciaban no seu alglocastelán todoterreo algo así como "Alvaro Cúnjal".

Desde certo punto de vista político, o Madrid de esquerda sabía máis de Albania ca de Portugal. Seguramente por cousas semellantes os comentaristas políticos de Madrid enmudeceron estes días. Non estábamos en que o PS portugués era proeuropeísta e pronorteamericano? Acaso o Bloco non sofría dun radicalismo feroz, e mesmo infantoxuvenil, que o levaba a odiar, antes ca nada, o doutrinarismo dos comunistas? E logo estes, os do PCP, non eran uns sectarios que non foran capaces de aceptar o eurocomunismo e que se mantiveran fixos no apoio á URSS até a fin? Naturalmente esta era a apariencia das cousas, mais, despois de Siryza, despois de Corby, despois de Siria, despois do chavismo, despois de China, despois dos BRIC, o mundo está movendo magmaticamente as súas placas tectónicas, e nada é eterno nin duradoiro nas páxinas da Historia. O PCP mantén a súa forza intelectual e obreira en estado de anovación permanente, o VE prescindiu do radicalismo pequeno burgués de fachada socialista e acepta a parcería cos antes citados e, finalmente, o socialismo portugués escolleu a independencia nacional e o ben do pobo, tal como está a facer o laborismo británico. O pacto tripartito foi selado en Lisboa para admiración dos sabios polítologos de Madrid, e dos seus émulos provincianos.

Compartir el artículo

stats