tribuna del lector

Festas e galeguización no Morrazo

31.10.2015 | 02:01
Festas e galeguización no Morrazo

Noutros tempos as festas populares caracterizábanse pola variada proliferación de santos e santas avogosas que atendían ás máis variadas enfermidades ou achaques da saúde dos ofrecidos. Os avances científicos para o tratamento das doenzas foi relegando a un segundo lugar a eses intermediarios relixiosos. Foi así como as festas foron perdendo devotos e gañando un público que procura nelas espazos de lecer.

No mes de novembro as máis das comisións de festas xa se renovaron e están a programar as do próximo ano. É agora cando os chamados axentes artísticos achourílanas con rutineiras ofertas de escandalosos custos económicos.

Os seus organizadores renunciaron ao creativo exercicio de reinventar a festa. Non teñen en conta o imaxinario e mitos populares locais como fontes de recursos para artellaren propostas orixinais, atractivas, con maiores posibilidades de participación. Prefiren cair na absurda competencia coas parroquiais veciñas contratando a orquestra para a verbena que elas non foron capaces de conseguir, investindo así a meirande parte dos recursos arrecadados para esa finalidade.

Son poucas aínda as comisións de festas que poñen en valor os recursos históricos e patrimoniais da parroquia para ofreceren programacións que satisfagan o gusto dun público ávido, que busca no tempo de lecer espazos festivos diferentes baseados na recreación de tradicións locais de raíz propia.

Mil festas máis para a lingua galega é unha proposta da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística para sensibilizar ás máis de sete mil festas que se programan en Galicia na defensa e fomento da diversidade cultural do noso país. Os concellos teñen moito que aportar neste sentido, poñendo ao servizo das comunidades parroquiais a información e coñecemento das historias locais. Hai que reprogramar as festas a partir das súas particularidades, ao tempo que fomentar a galeguización dos seus programas e contidos. As nosas tradicións musicais e os grupos que as divulgan sofren a irresponsable marxinación dos organizadores.

O desprezo polo propio e o entusiasmo polo alleo tolle a autoestima dos galegos.

Hoxe sábado no Auditorio Municipal de Cangas, ás oito e media do serán,coa presencia dos alcaldes do Morrazo, presentarase unha nova campaña das Mil festas máis para a lingua galega coa actuación de SonDeSeu, unha orquestra única das súas características, que é máis demandada fóra que polas comisións de festas de Galicia. Convidamos ás do Morrazo a participar neste acto e adherirse á Declaración das Mil Festas. Galeguizar Galicia é posible se hai vontade.

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine