Onte na Estrada despedimos a Ildefonso Puente, un amigo que deixou en todos os que compartimos con el algún momento da súa vida unha fonda pegada. Ildefonso é unha desas persoas que gañou o respecto dos demais coa súa coherencia e sabedoría da vida.

Carpinteiro de profesión nunca se conformou con deixar pasar o tempo e converteuse, dende a modestia, nun referente na loita social na Estrada. Dende as súas férreas convicións socialistas soportou represalias, persecucións e acoso, sempre sen renunciar ás súas ideas, e entregando aos demais, gran a gran, o seu esforzo na loita a prol da consecución de avances en materia laboral e de dereitos sociais,.

Sen dúbida ao longo dos seus 98 anos fixo moitos camiños, con milleiros de paradas de reflexión e diálogo, con momentos para escoitar e ensinar, pero sempre con gañas de apoiar na batalla a favor dos máis débiles. Conversador apracible e sereno será sempre un referente para o socialismo na Estrada. O seu compromiso férreo, a súa sabedoría e experiencia guiáronnos como socialistas na Estrada moitos anos, inda que como el diría, sempre entre compañeiros porque non se pode deixar a ninguén polo camiño.

Home de saberes e coñecementos, incansable lector na busca de oportunidades de mellora e respetuoso como o que máis, sen dúbida algunha, Ildefonso é unha PERSOA EXCEPCIONAL, e un referente para todos. Onte dixémoslle adeus, pero a súa presenza manterase sempre na familia socialista. Gracias Ildefonso por deixarnos aprender de ti.

*Secretario xeral da Agrupación Socialista da Estrada.