tRIBUNA LIBRE

Lalín, pobo rexio e forte

25.10.2015 | 02:42
Lalín, pobo rexio e forte

Pasaron varios meses xa dende que a sociedade lalinense respondeu afirmativamente ao berro de "hai alternativa!", e abriu un novo período de esperanza nun Concello ilusionado con volver a ser a referencia en Galicia que un día foi.Son días de duro e ilusionante traballo, no que pasaron pola alcaldía ducias e ducias de lalinenses de toda condición, sorprendidos ante a existencia dun Concello aberto aos veciños, e dun Goberno que, como é a súa obriga, escoita as demandas da cidadanía. Os políticos e os rexedores non somos máis que servidores públicos, e non "estrelas" nun ecosistema no que os egos, en demasiadas ocasións, fan que cometamos erros, necesariamente prescindibles.

Lalín volve estar pouco a pouco no punto de mira de todos aqueles que queren unha Galicia diferente para o futuro dos seus fillos. Os medios de comunicación, tanto estatais como nacionais, pasaron estes meses por Lalín ávidos de información sobre a pequena revolución que as políticas sociais e progresistas deste Goberno está levando a cabo. Nestes momentos, nos que o noso traballo está enfocado a presentar os nosos primeiros orzamentos, sabemos dos nosos compromisos de traballar para os que máis o necesitan, e para a recuperación do noso rural, tan castigado por políticas clientelares de abandono, como se os veciños do rural non tivesen os mesmos dereitos que os demais, cando pagan relixiosamente os seus impostos. Lalín vai entrar nun período de progresiva modernización e adaptación aos novos tempos e á nova concepción da política, da man do pulo que lle darán precisamente os máis esquecidos até agora.

O emprego é outra obsesión dun Goberno que sabe das limitadísimas competencias que ten para tomar medidas que o fomenten, mais que traballa con forza para que os empresarios que viraron as costas aos nosos polígonos vexan de novo oportunidades nun punto estratéxico de Galicia, no inicio da recuperación económica global, que ten que asentarse no respecto aos dereitos dos traballadores, e á consecución de empregos dignos, afastados de tempos nos que algúns empresarios pensaban que os seus traballadores non eran máis que un mal necesario.Lalín volve a subir os seus biorritmos, e o seu Goberno vai espolear todas as posibilidades para que recupere o liderado de outros tempos, porque so do traballo poden saír resultados, e so do compromiso poderemos recuperar a credibilidade dunha sociedade exemplar como a lalinense, que sabe que ten o potencial social, económico e cultural, para poder volver mirar de fronte aos ollos da nosa Galicia.

*Alcalde de Lalín

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine