Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Historia de "Nuestra América"

Xa non hai Hispanoamérica nin Iberoamérica nin Latinoamérica. Agora exténdese a expresión Nuestra América, para seren referidas as correntes máis progresistas de aló aos países e poboacións de linguas castelá, portuguesa, indíxena (cada vez mellor tratadas) e mesmo creoulos caribeanos varios.

A parte de Nuestra América de orixe española, naceu do separatismo de modelo norteamericano e inspiración republicana e liberal. Os territorios españois de América fixéronse independentes e os patróns que mandaban os insurxentes eran homes criollos, brancos e terratenentes. Estes quedaron para eles coma repúblicas novas, que tiveron vidas azarosas que oscilaban entre diversos caudillismos e tendencias liberais. Os mestizo, os indios, os pretos, quedaran á marxe da Historia e, o que é máis importante, á marxe da propiedade da terra e do capital.

Desde moi cedo, os EE UU, un país por definición e por principios anticolonial, inventou o neocolonialismo e considerou todo o que había ao seu sul en América couto de caza propio. A intervención norteamericana en "Nuestra América" dificultou o seu desenvolvemento cultural, científico e social, e estancou as nacións indias.

En 1898 os independentistas de Cuba, dirixidos por unas élites sumamente laicistas e ilustradas, véxase senón Martí, estaban fartos de seren unha colonia disfrazada de territorio provincial español, e pediron coas armas na mao a independencia. Os EE UU declaráronlle a guerra a España. Os marines invadiron Cuba e Puerto Rico. Aproveitaron para facerense en Asia con Filipinas e outras illas.

Até 1959 en que Fidel entrou na Habana, Cuba foi semicolonia dos EE UU. Puerto Rico quedou militarmente ocupada en 1898, e polos vistos, a intención de Washington era non ceibar nunca esta infortunada illa onde está o Guantánamo, polo que ningún españolista en Madrid chora. Veleiquí que o Che, Fidel, os intelectuais e as masas encadradas na política da que chamamos Liña da Habana, foron chocando un novo Latinoamericanismo liberador.

Se os Bolívar, os San Martín, os Artigas, foron os rostros visibeis da Primeira Independencia, agora é tempo da Segunda Independencia. Esta consiste, está consistindo, en liberarse dos fios de España, dos EE UU e crear en órganos supraestatais de cooperación, que xa están marchando: CELAC, Mercosur, Alba, e todas esas cousas.

Un elemento é fundamental nesta nova época: na que eles chaman "Nuestra América", aparece por vez primeira, desde Cortés e Pizarro, o indio como suxeito independente culturalmente e dono da súa língua e a súa cultura. Bolivia declárase constitucionalmente "república" multinacional e o seu presidente, Evo Morales, é un indio aymara que se amosa como tal. Isto é o que eles chaman "Nuestra América" e alí non está España.

Compartir el artículo

stats