Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Outro Peinador

Ouvín falar desde neno do aeroporto, antes campo de aviación ou aeródromo, de Peinador, en Vigo. De cando se construía e da solemnidade da súa inauguración tiven noticias. Sempre salta ás columnas da prensa local unha queixa, con acidulada insistencia. Ao parecer, o aeroporto de Peinador non é debidamente protexido polas autoridades que, en cambio, favorecen os de Santiago e a Coruña. En canto ao Sá Carneiro do Porto, na miña mocedade chamado de Matosinhos, parece ser que el medra só. Eu teño-lle lei ao Sá Carneiro do Porto porque é o único aeroporto do mundo que ten un letreiro que di: "O aeroporto de tódolos galegos".

Dando un paseo polos montes de Cabral, un amigo moi ben informado do funcionamento (complicadísimo e pouco divulgado) dos negocios da comercialización do peixe en Vigo, díme, a min e aos compañeiros, algo que nos soou a cousa sabida: o noso porto é o centro máis importante de descarga e distribución de peixe conxelado, non sei se de Europa ou do mundo. E engadiu algo que ignorábamos todos e todas, hoxe chega á Península Ibérica peixe fresco de todo o mundo por vía aérea.

Os empresarios vigueses son os grandes operadores internacionais deste peixe fresco que chega de avión, parece ser. Pero ese peixe fresco que vén das máis lontanas pescarías do planeta non é descargado en Vigo. Nin sequera en Galicia. Descárgase no aeroporto de Vitoria. Vitoria/Gasteiz é quen lle está entorpecendo os negocios a Vigo, asegurou o noso amigo.

E fómoslle seguindo o discurso ao longo do carreiro forestal, en canto baixabamos os lombos que habían de nos levar até o río Eifonso. En realidade, a reivindicación viguesa tería que ser a de habilitar en Peinador un aeroporto de mercadorías especialmente orientado á recepción e embarque en camións do peixe fresco que afluiría aquí, do mesmo modo que o fai a Vitoria, desde todos as pescarías do mundo. Naturalmente este inexistente aeroporto comercial de Vigo tería que traballar día e noite, como saben ben facer os vigueses que se formaron no Berbés.

Naturalmente este aeroporto tería que estar dotado dunha alfándega adecuada. O que suporía tamén a creación dun novo servicio de Sanidade. Inclusivemente, as descargas de peixe fresco do futuro Peinador poderían ser canalizadas, todas ou en parte á lonxa do Berbés e alí subastadas e lanzadas ás liñas de comercialización. Deste xeito o número de postos de traballo e de negocios en Vigo multiplicaríase.

Escoitando a este amigo experto en cuestións de distribución do peixe como mercadurías eu acordeime daquel informe de Castelao á Galeurca (1948), no que o noso líder no exilio lle pedía solidaridade aos vascos e aos cataláns para resolver o bloqueo do porto de Vigo en canto volvese a legalidade republicana a rexer.

Compartir el artículo

stats