tribuna del lector

Memoria viva

14.10.2015 | 02:05
Memoria viva

Por detrás do Couto Mixto, en terras arraianas, está Alturas do Barroso, unha freguesía na que os seus habitantes viven da gandería. Na porta de entrada do cemiterio hai unha placa cun texto do escritor Miguel Torga, un barrosán universal, que di así: "Cada paroquiano pisa, pelo menos dominicalmente, a sepultura dos ancestrais, e se liga a ela, quase orgánicamente. Vive, nunha palabra, referenciado. Sabe que ten presente porque houve pasado, e que, mais cedo ou mais tarde, enterrado ali também, será para os descendentes consciencia e justicaçao de futuro".

Este texto literario de fondo sentido antropolóxico foi expresado líricamente, moito tempo antes, por Rosalía de Castro nun poema seu: "Dos vivos amigos sodes,/mortos que allí tês descanso,/e nin os nenos vos temen/n'a ninguén causás espanto./Visítanvos cada día,/falan convosco rezando,/E "¡Hastra mañán!", se despiden/de vos par'ó seu traballo".

De ambos os dous textos referidos a unha mesma cultura -á antiga Gallaecia-, fan alusión á convivencia das dúas aldeas, a dos vivos e á dos mortos; unha está dentro da outra. Quen non andou por riba dos sartegos nos cemiterios das aldeas algunha vez? Os nenos a enredaren neles choutando de sartego en sartego, falando na lingua dos avós, coma se tal cousa, porque sabían que alí estaban soterrados os seus antergos cos que establecían desa maneira vínculos sentimentais indestrutibles.

Nos cemiterios os vivos falan entre si en galego, cando acuden a limpar a sepultura, poñer flores ou prender a lámpada de aceite. Porén as lendas das lápidas dos defuntos que perpetúan as súa memoria están escritas en castelán, idioma no que endexamais falaron en vida. Unha anomalía cultural na que moi poucos teñen reparado, do contrario corrixirían esa inexplicable inercia, despois de tantas décadas de liberdade lingüística.

Segundo o censo de defuncións, en Galicia morren anualmente perto de trinta mil persoas. Pois ben, só un tres por cento das esquelas que se publican nos medios de comunicación están escritas en galego; é dicir, novecentas. E cantas lápidas atopamos en galego? Unha por cada mil. Cruzamos os datos co mapa lingüístico de Galicia e atopamos as seguintes contradicións: nos espazos territoriais de galegofalantes, a memoria da morte rexístrase en castelán; nos concellos bilingües, sen embargo, hai maior presenza de galego nas necrolóxicas e lápidas. Estas contradicións evidencian o conflito lingüístico existente en Galicia.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) hai moitas décadas que caíu na conta e artellou diversas accións para emendar as inercias culturais que se albiscan en tan improcedentes actuacións das que son responsables as familias. Pero non queremos eximir da responsabilidade que lles corresponde tamén ás trescentas trinta funerarias que se reparten pola xeografía galega. Estas empresas non acaban de entender que, nun país onde a cooficialidade lingüística está recoñecida polo ordenamento xurídico, obrígaos a ofreceren os seus servizos en ambas as dúas linguas.

O día da restauración da memoria lingüística de Galicia, que se celebrará próximo día 25 de outubro en máis de medio cento de concellos, programarán senllos actos coa colocación de lápidas nas portas dos cemiterios que digan: "Na memoria de todos aqueles que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu". E se for posible, co consentimento da familia, substituirase algunha lápida en castelán por outra en galego. Esta é a mellor homenaxe que se lles pode facer aos nosos defuntos, porque son memoria dunha vida expresada en galego.

O próximo día 15 comeza esta serie de actos no paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense coa presentación do libro das mandas testamentarias "En galego,agora e sempre", e a sinatura da Acta de Vontades.

* Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine