Pois nada amigos, como dicimos por aquí: "Chegou o día, e chegou a romaría".Un ano máis, de coñecementos, de sabedoría e experiencia, de segundos e segundos, ás veces interminables, outras inesquecibles, as máis das veces rutinarios; que se foron polo caño do desaugue durante un ano enteiro. ¡Case que nada, todo un ano botado no cubo do lixo!

A xente, os amigos, os que te queren, e algún que outro que non te coñece de nada, por aquilo das redes sociais que chegan ata o infinito e mais alá, que te felicitan e mandan parabéns, e que che desexan que teñas un fermoso día de aniversario, moitos melindres, arrumacos e agasallos. Xa saben toda esta leria, toda esta parafernalia das velas, as tartas, a min que o doce nin con sal me entra, en fin, un ritual que ano a ano repetimos, e que dure claro, que é o que por riba de todo desexamos,seguir cumprindo.

Agora que sei e sinto, que xa fai demasiado tempo de todo, miro para atrás e penso que, como no paradigma aquel do conto no que sabemos que a morte agarda por nós no outro lado da ponte e non temos máis remedio que cruzar, aínda que non queiramos, moi segura está a morte de ternos gañada a partida, cando nos dá toda unha vida de vantaxe. Pois digo, que vexo que pasei a miña vida desexando cousas, atesourando cousas, e cada vez que acadaba algo, pensaba que aquilo non era, e volta a empezar na procura de algo novo e mellor. Unha e mil veces, sen límite, nin final. Agora que xa prácticamente non preciso nada de todo aquilo, teño a impresión de que todo foi unha enorme mentira, unha fraude, un erro.

A vida é un intre, entre o acto de saír do ventre cálido da nai, e volver a escuridade eterna e definitiva da nada. No entreacto, mentiras, falsidades, anhelos, desexos, frustracións, amores, desenganos, fracasos estrepitosos e un inesgotable baleiro. Eu tiven consciencia de que co préstamo que me fixeran ao nacer xa estaba a entrar na conta atrás, cando sentado nun parque calquera, co meu fillo pequeno, un raparigo me pediu que lle tirara a súa pelota: "Ei señor me da a pelota?" Ata entón Eu fora: "Ei ti!".Este sutil e inapreciable cambio de tratamento social foi determinante na miña apreciación de que a vida que vendemos xa pasara nunha boa cantidade, e que era mellor aproveitar ao máximo o resto dela, porque quen sabe, despois xa non hai remedio.

Por iso cada vez que vexo os nosos avós, sentados na penumbra da súas vidas, sen nada que facer, sen poder contarlle ós seus netos todo o que sentiron, viviron e aprenderon nas súas vidas que pouco a pouco como a luz dunha vela estase a consumir, dame unha inmensa tristura e penso no inútil que resulta para todos nós deixalos así apartados porque non nos gusta a súa vellez, a torpeza coa que se moven, as lagoas de memoria, as mans tremerosas, as toses e as súas insomnes noites de pesadelos, quizais sentindo saudade do divino tesouro da xuventude que estragaron.

Cada vez que escoito falar da "terceira idade", revolvenseme as tripas, porque Eu aínda, e espero que para sempre, o único que de verdade quero e preciso é tan so seguir vivindo.