Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

A vida por diante

Os homes polo xeral botamos de menos aquilo que fomos perdendo e deixando polo camiño da vida e os anos. Unha desas cousas, a xuventude plena dos 20 anos, cando pensas que tes toda a vida por diante e que o tempo resulta inesgotable, para algúns resulta ser coma unha enfermidade que se cura co tempo, a única tal vez que sanda deste xeito. Para outros, e a literatura está chea de exemplos, é moeda de cambio, mesmo co diaño, o segredo da eterna xuventude -O Retrato de Dorian Grey- e máis alá incluso da pedra filosofal dos alquimistas na procura da transformación do chumbo en ouro, ou mesmo o mito do Fausto de Goethe, que entrega a Mefistófenes -o diaño- a súa alma a cambio da xuventude.

Xa nos tempos de Herodoto, no século IV antes de Cristo, no seu terceiro libro, se recolle a lenda da mítica existencia dunha fonte da xuventude, a auga da vida que buscaba Alejandro Magno, tamén se mencionaba a fonte da xuventude no Libro de las maravillas del mundo, de Juan de Madeville. A historia conta que Juan Ponce de León, o conquistador castelán, buscou a referida fonte da xuventude dos nativos de Puerto Rico cando conquistou a illa. Insatisfeito coas riquezas materiais, emprendeu unha expedición no ano 1515 para tentar localizala, descubrindo a Florida. Aínda que foi un dos primeiros aventureiros en chegar ás Américas, xamais atopou a fonte milagrosa da eterna xuventude. O conto é lenda e de orixe descoñecido, e o seu nome non foi relacionado coa lenda ata despois de morrer. E foi Hernando de Escalante quen falou dela. Este pasou 17 anos como cautivo dos indios tras naufragar o seu barco fronte as praias de Florida. Nas súas Memorias,fala sobre as augas sandoras dun río perdido que denomina o Jordán e da conta da súa búsqueda por parte de Ponce. Fontaneda déixanos claro que esta historia, segundo el, foi invención e pon en dúbida que Ponce de León fose na busca destas augas milagrosas cando atopou Florida.

A fonte da xuventude perdura como unha metáfora de calquera cousa que potencialmente incremente a lonxevidade. Úsase frecuentemente como recurso literario e argumento nas historias de regresión tempore-espacial. Tampouco o Bosco foi quen de fuxir do feitizo deste elixir e deixouna pintada na súa obra El Jardín de las Delicias.

No val de Hunza, en Paquistán, máis alá dos míticos e espectaculares cumios montañosos, as persoas que o habitan semellan ter atopado o segredo da eterna xuventude, xa que os hunza alcanzan antes de morrer os 110 e 120 anos de idade e case sen enfermar ao longo da súa vida. Para os expertos, a razón non é máxica e radica máis ben na dieta e alimentación que seguen e no feito de bañarse nas frías augas dos ríos con temperaturas inferiores en moitos casos aos 15 grados baixo cero. O que si parece certo é que aos 65 anos as mulleres aínda poden ter fillos, e aos seus 40 ninguén pensaría que está a falar cun adolescente de máis de 20.

Eu cando recordo os meus 20 anos tan so teño claro o so e illado que sempre me sentía. Non tiña amigos cos que compartir os meus pesares e tristuras, nin noiva ou compañeira á que apertar e mirar aos ollos docemente. Pasaba os días sen saber que facer, incapaz de cambiar o derroteiro da miña vida cara a nada, pechado en min mesmo, na miña soidade e silencio, culpabilizando da miña frustración, tristura e desencanto aos demais e sen comprender que o futuro estaba alí diante miña agardando por min, tan so a un paso.

Daquel tempo de xuventude infeliz que hoxe boto de menos tan so gardo aneis de amargura que como as árbores me fixeron máis duro e resistente aos vaivéns da vida. Aínda así, penso que xuventude, divino tesouro, quen me dera hoxe.

Compartir el artículo

stats