Hai voces que se agrean e deostan os cataláns por aspiraren a exercer un dereito universal, recoñecido pola Nacións Unidas, que é o da autodeterminación dos pobos. Lembran vostedes que o Mundo Contemporáneo comeza cunha Declaración de Independencia, a dos EEUU?

Tamén se escandalizan moitos de que o nacionalismo fale de Países Cataláns. Todo o mundo debería ser coñecedor do feito de que na Cerdaña e no Rosellón pertencentes a Francia, en Valencia, en Baleares e en L'Alguer, cidade italiana de Cerdeña, o catalán e a cultura que esta lingua veicula son patrimonais.

A Reconquista foi de Norte a Sul, como deberan saber todos, e alí onde rutilaron as xemas e o Dragón do helmo de Jaume o Conqueridor, ou sexa Valencia e Illas Baleares, a colonización foi feita por cataláns que levaron alí a súa lingua, nas formas de Lérida e do Ampurdán en cada caso.

Cataluña era hexemonía na Coroa de Aragón, naturalmente. Por iso deixaron a súa semente en L'Alguer (Alghero). Os cataláns do Principado, que se dotaron de autonomía republicana en 1931, foron desposuídos dela en 1934 por unha dereita española a cuxas filas se sumara Alejandro Lerroux a quen quixera parecerse o actual lider de Ciutadans.

Non obstante, e restaurada a Generalitat polo Frente Popular, os independentistas, con Lluis Companys na presidencia, prometeron defender España despois do golpe fascista de Franco. Cumpriron os independentistas lealmente o prometido e a Generalitat combateu con todas as súas forzas a favor da República e contra o exército franquista reforzado con marroquís, italianos e alemáns.

Unha vez gañada a guerra civil, Franco pediulle aos seus amigos nazis, ao estes ocuparen Francia, que lle entregasen o presidente Companys. Fíxoo así a Gestapo, e os militares franquistas, por orde do Caudillo, quen odiaba o nacionalismo catalán máis ca o comunismo, torturaron a Companys en Madrid. Logo leváronno a Cataluña e pasáronno polas armas nun foxo do Castelo barcelonés de Montjuic. Moitos columnistas, blogueiros e falabarato da dereita españolista andan a se pisar os uns aos outros as sentencias e non deixan de mallar no tópico de que os nacionalistas cataláns falsifican a Historia e se instalaron no victimismo.