Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Doctora en Psicopedagogía y profesora de Primaria

A chave: profesorado ou tecnoloxía?

Parece que hai un acordo unánime en canto ao uso das tecnoloxías nas aulas, referíndonos por un lado a cantidade de tecnoloxía, que non proporciona coñemento no alumnado polo feito de estar presentes, e por outro lado, en que sería positivo que o profesorado estivese máis formado en materia tecnolóxica.

O informe PISA, do que esta semana se contemplaba información na prensa, fala de malos resultados para España en canto ás habilidades dixitais no alumnado. Pois non debemos falar de malos resultados, debemos mirar o que estamos facendo, falar de avance nos últimos tempos e preocuparnos por mellorar. Estes informes pretenden facer unha análise do rendemento dos estudantes a partir duns exames que se realizan cada tres anos en varios países co fin de determinar a valoración internacional do alumnado. Son avaliacións de dubidosa utilidade xa que cos resultados fanse comparacións entre países con leis educativas que nada teñen que ver entre sí.

A aposta de Finlandia (país de referencia en canto a bos resultados académicos), polo seu sistema educativo, a confianza depositada no profesorado ou o investimento por alumno/a nada ten que ver con outros países participantes nas avaliacións internacionais.

En España se "desgoberna" coa LOMCE, de cara á obtención de boas puntuacións nestes informes que tanto nos interesan e nos que é probable que no futuro melloremos dada a selección de alumnado que se vai ir producindo no avance do alumno/a polas distintas etapas escolares. Agora ben, deberíamos reflexionar se nos interesa máis ter unha boa imaxe de cara fóra ou que todo o noso alumnado teña unhas competencias mínimas para desenvolverse na vida.

As decisións políticas deberían estar dirixidas a levar a cabo actuacións que permitan sair da crise económica centrando a confianza no sistema educativo, o alumnado de agora é o que vai vivificar a recuperación do país e nas mans deles está o mantemento do actual sistema de benestar.

Se a confianza da Administración no profesorado e no alumnado fose outra non habería un desatino tan grande no investimento nas aulas. Temos a demostración en que os países que obteñen mellores resultados académicos nos informes PISA (Finlandia, Corea ou Japón) non son os que máis invisten en tecnoloxía.

As competencias dixitais do alumnado dependen do profesorado ¿é as competencias dixitais do profesorado?, ¿dependen da subxectiva necesidade de formación que cada docente teña?, ¿depende da autoformación voluntaria de cada profesor ou profesora?, ¿non ten responsabilidades a administración en canto á formación dos seus traballadores e traballadoras?...

O colectivo docente transmite nas aulas aquel contido que coñece, manexa con fluidez e co que se sinte seguro. Necesitamos tecnoloxía nos centros de ensino pero máis necesitamos confianza, formación e apoio. O traballo do profesorado é formar alumnado competente, é para o que estudou, está preparado e ao que se adica vocacionalmente. Para a administración o traballo do profesorado é custodiar ao alumnado cando chega o transporte escolar, atender o comedor, introducir datos no XADE que nos facilita saber canto ten que pagar cada alumno/a por comer no centro, levar un rexistro de faltas de asistencia para controlar os pagos mensuais do citado comedor, elaborar programacións nas que poñemos o que vamos ensinar e como ata o mes de xuño, obviando que ao longo do curso necesitamos adaptar o proceso de ensino-aprendizaxe, controlar ao alumnado nos tempos de lecer, estar de garda durante as actividades extraescolares, facer esforzos extraordinarios para dar clase en aulas con alumnado de distintos cursos, facer o inventario da biblioteca escolar ou ocuparnos do mantemento dos equipos.

Somos moi bos, valemos para todo, pero o que queremos é ensinar.

É positivo que podamos contar cun encerado dixital na aula pero necesitamos unha persoa que o instale e nos explique o funcionamento inicial, unha formación sobre como é a mellor maneira de utilizalo, que posibilidades me ofrece, como adapto o seu uso á miña metodoloxía docente, ás necesidades do alumnado, aos diferentes ritmos de aprendizaxe, cales son os contidos que debo ensinar a través desta ferramenta e cales non son os axeitados. ¿quen nos informa e nos forma de todo isto? Pois nós mesmos, os docentes, que nos preocupamos de facer o noso traballo o mellor posible aínda sen contar co apoio da administración.

En primeiro lugar hai que dar confianza ao profesorado, por parte da sociedade e por parte da administración, e despois diso que nos dean os aparellos para utilizar nas aulas.

Compartir el artículo

stats