Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Cangas na televisión francesa

Hai bastantes anos que desde o cine club Cangas andabámoslle dando voltas a facer unha recopilación de todas as esceas do antigo NO-Do que contiñan imaxes da nosa vila. Nunca conseguimos materializalo. Hai uns meses alguén nos falou da existencia dun documental protagonizado por unha muller de Darbo que puideran ver durante unha viaxe a Francia. A emoción multiplicóuselle a quen o contaba ao descubrirse a si mesma con parte da familia na porta dunha casa da rúa Colón, moi perto da igrexa, onde vivira de nena. A sorpresa era que a tal película estaba en Youtube, pero como era posible que ninguén falase en Cangas da súa existencia?. Na busca infructuosa houbo dúbidas e consultas porque un non sabía que a esperanza que aparecía no título non era outra cousa que o nome da protagonista, e non un estado de ánimo. Así foi como conseguimos por fin chegar a ela, e a sorpresa foi aínda maior ao ver as miñas veciñas, unha pegada máis ou menos nítida na memoria dun neno que vivía no Forte, e volvín a aquel Cangas de 1969 ou 1970, á chabola de Consuelo, ás atadeiras que encascaban os aparellos e que espertaron o recordo dos seus nomes: Mercedes por partida dobre, Vicenta e aquela nena, agora unha muller, e que non lembrará que un día un equipo da televisión francesa filmouna entre aparellos mentres deixaba que transcorrese o tempo . Aquelas nenas que pasaban a mañá diante da casa coidando unha da outra pola prazoleta do Forte, diante do hórreo que o cámara recolleu repetidamente, quizais sorprendido de que construcións semellantes existisen neste confín de Europa. As enormes lousas da rúa Valentín Losada e os comentarios mais ou menos intencionados a Josefa que que ía rúa abaixo de ganchete coas súas amigas na busca de quen sabe que. A vella peixeira de fortes brazos, coa balanza apoiada no molido protestando polas cincuenta veces que aquel cámara a "sacara" esa mañá.

Un tren no que todo comeza e un compartimento que xa tiveramos ocasión de ver en "El tren de la memoria" cando un non sabía que aqueles segundos eran un instante tomado dun progama de televisión titulado "As mulleres tamén..." no que aparecían rostros familiares.

As imaxes dese Cangas, que tanto botamos en falta agora e que valoramos tan pouco no seu momento, chegaron a París e alí millóns de franceses coñeceron a través de Esperanza, a vida das mulleres que emigraban para traballar nas casas daquel París burgués.

Pasei de redescubrir a vila perdida a coñecer unha muller que lle chamaba ás cousas polo seu nome, que non precisou de ningunha universidade para ter unha conciencia da vida. Ela e outras mulleres falaban de algo que nos é familiar, a emigración, pero tamén da súa vida como mulleres. A longa viaxe de Esperanza fala das traballadoras de casa sen horario, sen vida propia, da súa vida dos seis ou sete pisos que debían subir para chegar ao seu fogar por unha estreita escaleira de caracol. É a historia de tantas e tantos que marcharon ao sinvivir dun país que non os entendía e que elas tampouco entendían. Cando coñecín a Esperanza, contou algunhas cousas que non aparecen no documental, os seus sentimentos ao ver a montaxe, o que se contou e o que decidiron deixar enterrado no esquecemento porque consideraron que non pagaba a pena que se coñecese.

Vin repetidas veces o documental tratando de descifrar os rostros que eu estaba seguro que debía coñecer, buscándolle o nome legal ou o alcume familiar, calquera elemento que os fixera recoñecibles, pasámosllo a xente con máis vida que nós e entre tanto ir e vir, o cine club Cangas deicidíu encargar a súa tradución e posterior subtitulado para abrir con ela a recuperada Semana de cine de Cangas que baixo o epígrafe de "Cinemas Ocultos" pretende redescubrirnos mundos, que como o de Esperanza Cabral témolos tan perto de nós que non os vemos. Así pois hoxe (Auditorio, 21 horas) coñeceremos A longa viaxe de Esperanza e os seus protagonistas contarannos o que supuxo para eles e o resto das emigradas a realización e emisión desta longa viaxe.

(*) Cine Club Cangas

Compartir el artículo

stats