Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personajes y tradiciones

As gaseosas Nabor de Beade e os arrieiros

Unha das historias máis apaixoantes do Ribeiro é a da "Ruta dos Arrieiros" ou "Camiño Real" que ía dende Ribadavia ata Pontevedra. Dende o século XV constituía a principal vía de comunicación entre ambas localidades e empregábase para carrexar o viño do Ribeiro que levaban en "pelexos", que facían os propios arrieiros de Camposancos e da Graña coa "pel de castrón" que deseguida mandábanos a Nogarejos, na Bañeza en terras de León, onde eran impermeabilizados con pez e que decontino enchían co viño que levaban ao peirao de Pontevedra que logo comercializábase no País Vasco ou na Bretaña. Xa de volta aproveitaban para traer bacallau seco, raia curada e congrio, sardiñas en seco, salazón, escabeche ou afumado, entre outras cousas que ó longo do camiño íanlle encomendando a xente.

O conto ven co gallo de que Beade amáis de ser un dos sitios onde carrexaban viño do Ribeiro da viña da Xeitosa ou da viña da Portela, onde aínda hoxe consérvase un quilómetro do camino medieval, era tamén a primeira parada que facían moitos dos arrieiros que saían dende Ribadavia. Ao longo dos setenta quilómetros de percorrido, os arrieiros visitaban os lugares de Muimenta, Cortegazas, Camposancos, A Graña, A Airoa, A Laxe, Pontecaldelas e Marcón denates de chegar a Pontevedra. Os arrieiros adoitaban levar para o seu choio, éguas ou mulas para o carrexo das suas mercadorías coas que compartían as tristuras, as ledicias e mailas inclemencias do tempo que non eran poucas e cós asaltos ocasionais dos bandidos, ao longo dun camino cheo de riscos e penalidades.

O oficio de arrieiro, pese a que era moi sacrificado, na mayoría dos casos pasaba de país a fillos que, sen facer rico a ninguén, daba certo nivel económico. Recentemente Pablo Rodríguez Fernández "Oitabén" fixo un fermoso traballo sobre "Os arrieiros" en forma de cómic titulado "Pepiño O Arrieiro", co patrocinio da comisión das recentes festas de Beade do 2015, na que desenvurulla a historia deste camiño mediante fermosos debuxos en viñetas a tinta chinesa que recrean o ambiente dos arrieiros no século XVIII, no que se pagaban en reáis as mercadorías. Da man do noso paisano imaxinario "Pepiño" e Domingos "O Bicho da Graña" fan un percorrido polo camiño dos arrieiros dende Ribadavia ata Pontevedra, sen esquencer o apoio nos textos de Alba Chao.

O caso é que en Beade houbo unha das derradeiras mulas en activo ata mediados do século pasado que se chamaba "Cholito". Era a mula de Nabor e Benigna, que traballaba carrexando as caixas de gasosas que fabricaban no baixo da sua casa, á que lle puñan un carro da cor verde clara e dese xeito repartían o seu produto pola zona do Ribeiro que lle quedaba máis ao pé.

O gaseoseiro chamábase Nabor Villanueva Raña, naceu no ano 1911 e morreu o 17 de outubro de 1961 a idade de 50 anos, tivo un fillo chamado Camilo que morreu aínda novo á idade de 43 anos, en 1980, sen deixar descendencia. A súa muller chamábase Benigna, que co seu fillo levaron adiante a fabricación de gasosas uns anos máis tras a norte de Nabor. Benigna morreu no ano 1996 á idade de 83 anos. Tiña a casa-fábrica un pouco máis adiante do Bar Celta indo cara a montaña. A industria de Nabor tiña o número 3909 no rexistro das fábricas de gasosas de España. Nos primeiros tempos, a auga collíana dunha fonte que estaba a carón da súa casa chamada "A Fonte dos Tolos", que aínda existe. Máis adiante fixeron un novo pozo na súa propiedade para deste xeito poder garantir mellor a calidade e a cantidade da materia prima. Tiveron un empregado que se chamada Antonio Cibeira que xa morreu e máis adiante outro chamado Antonio Villanueva que aínda vive, e o caso é que chamábanlle "Toniño" a ambos os dous. Benigna Feijóo Raña, a muller de Nabor, era hirmán da avoa de Inés Villanueva e o pai de Nabor era hirmán do bisavó de Inés, e polo tanto sobriña de Nabor, que é quen foi a que me puso ao corrente dos pormenores da sua historia.

Os cascos das súas gasosas constitúen hoxe unha xoia por ser os herdeiros da famosa botella "torpedo", só que a súa base é plana para manter de pé a botella, en vez da posición horizontal que tiña a orixinal "torpedo", para así manter húmida a cortiza e non saíse o gas, aínda que nos comezos tamén empregaron a de "Bola" coñecida como a "botella Hamilton" que é a quen atribúeselle a invención, e que aos poucos foron sustituíndo por mor de la prohibición do seu emprego por sanidade nos anos 50 do século pasado. Este casco era liso e sen ningún relevo.

Envases

A súa produción foi sinxela e cativa, calculándose unha rotación de uns 1.000-1.500 envases que non ían serigrafíados e pechábanse cunha chapa. A meirande virtude das gasosas do Nabor era que a pesar da dura competencia cos fabricantes dos redores, tales como o Hermida de Leiro, Blancote de Paredes-Leiro, Amadeo Neira, El Mexicano, Dieguez y Gómez en Ribadavia, E-V-CH en Francelos-Ribadavia, Xouba en Ventosela y Avelino Martínez Rosendo den San Xusto de Avión, enchía a súa parcela comercial case que en exclusiva cos vecinos do lugar, máis os viaxeiros e arrieiros que ían de paso camino de Camposancos, Alto da Rasa Cortegazas ou a Chan de Covelo que demandaban un produto fresco que puidesen consumir alí mesmo e non ter que carrexar o pesado casco, unha vez baleiro de gasosa, que tiñan que devolver xa que do contrario estaban obrigados á abonalo envase. Xa nos últimos tempos para facer o reparto das gasosas, mercou un coche vello "que xa estaba para tiralo", a un taxista de Ribadavia que lle chamaban "O Calavera".

Son moitas as historias vinculadas a Nabor con Beade e os arrieiros, talvez pola ligazón que a mula "Cholito" xerou nunha lembranza inmutable a través dos tempos para propios e alleos.

E xa se sabe? "arrieiros somos e no camino nos atoparémonos?"

Compartir el artículo

stats