Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Aos da atalaia

Sinto admiración por todas as persoas que dende a atalaia da súa vida son capaces de coñecer o máis profundo dos corazóns daqueles que pasan as horas fóra do seu fortín. Xentes que dende unha superioridade sempre artificial (e moi artificiosa) sábeno todo e enténdeno case todo. Seres que dende un privilexiado lugar da existencia supóñense coa aptitude necesaria para coñecer se este ou aquel está deste ou daqueloutro lado separando así ovellas de cabras segundo o seu propio e case divino parecer.

Os que camiñamos polas chairas da vida (os que estamos fóra do castelo, a maioría) somos os que, segundo eles, vivimos divididos. Os que gozan deste "superpoder", pásanse as horas ocupados en mover as fichas do taboleiro, segundo lles parezan estas brancas ou negras. Estas intelixencias andantes gozan de vasta experiencia, de sublime coñecemento, de extenso xuízo e de grande saber e por iso levan sobre si o tremendo encargo de clasificar aos humanos entre bos e malos, listos e bobos, espabilados e lentos, vermellos e azuis, salvables e insufribles.E o peor é que hai demasiados. "Parece -dicía Congar- que o demo inspirou ao home moderno un certo espírito de cisma, no sentido xenuíno da palabra, porque, no canto de respectar as diferenzas, dedícase a distinguirse, a opoñerse e a transformar en motivo de oposición aquilo mesmo que podería ter cos demais en espírito de comuñón."Chamo con humildade ás portas desas atalaias para recomendar a esa xente un pouco máis de sentido común, un pouco de ironía para sorrir ante tanta neurose postiza e un pouco de madureza para non confundir a intranquilidade co baile San Vito. E que sexa Deus o que xulgue e poña a uns á dereita e a outros á esquerda, será moito máis benévolo e xusto.

Compartir el artículo

stats