Atribúese a comprensión do funcionamento do Jet Stream (corrente en chorro) a que pilotos da aviación aliada durante a Segunda Guerra Mundial notificaron a existencia de ventos de cola superiores aos 160 kilómetros por hora nos traxectos realizados entre Estados Unidos e Gran Bretaña. Esta corrente en chorro, existente entre os 30º-60º no hemisferio Norte, discorre na atmósfera entre uns sete e doce quilómetros de altitude de oeste a leste. É dicir, unha corrente atmosférica de aire, a máis de 7 km de altura, circula nun abano que vai dende o Golfo de México a Canadá en dirección cara Europa, con ventos superiores aos 160 km/h, afectando a Europa nunha franxa que abarca dende o norte de África ata a Península Escandinava e que se prolonga polos continentes asiático e americano nas mesmas latitudes, dando a volta ao devandito hemisferio. Na súa oscilación cara o sur ou cara o norte é responsable de que o anticiclón situado sobre as Azores ou a borrasca situada sobre Gran Bretaña nos faciliten, respectivamente, días de sol ou días de choiva en Galiza. Varios son os factores que causan a súa oscilación norte-sur e viceversa, e que non vén ao caso analizar neste artigo.

Vén esta explicación a conto de que en días pasados no Deza, a Igrexa Católica convocou aos seus fieis a un acto relixioso co obxectivo de clamar (un Clamor dicían) para que a tan necesitada choiva aparecese sobre os campos dezaos. Un acto totalmente carente de rigor científico e desautorizando ás Leis da Física e ao traballo de moitos científicos que, ao longo dos séculos a través dos seus estudos, veñen explicando a evolución dos fenómenos metereolóxicos e a súa natureza. Rememora épocas onde a vida das persoas se rexía por dogmas de fe e obediencia divina. Por non remontarnos a tres mil anos atrás onde os faraóns de Exipto facían ofrendas e grandes sacrificios a Amón-Ra (o seu Deus-Sol) co obxecto de aumentaren as augas do Nilo, anegasen o chamado Crecente Fértil e, retirada as augas, obter boas colleitas. Pero isto sucedía hai tres mil anos, cando aínda non foran descubertos e explicados moitos dos fenómenos metereolóxicos e mellorada a tecnoloxía pola que os satélites artificiais nos envían datos para poder predecir, con moito acerto, o tempo que vai facer nunha semana ou máis. Superando satisfatoriamente á tradicional crenza da intermediación divina.

Nada que obxectar contra a Igrexa Católica se este acto pretendese ser unha romaría na que se festexaran antigos ritos que hoxendía non teñen ningún rigor científico estando totalmente desfasados. Unha festa máis das moitas do rural galego. Pero se o que se pretende é voltar a épocas "preVaticano II" e recuperar eses ritos e prácticas relixiosas como pautas de comportamento e guía para a sociedade actual, non podemos aceptar tal cousa. Ninguén en xuízo san pode aceptar hoxendía que unha procesión na que se xuntan dúas imaxes relixiosas poida producir choiva. Esta práctica relixiosa retrógrada é un recurso máis para a inculturización das persoas en beneficio da curia da Igrexia Católica, aportacións económicas incluídas. A nova e moderna Igrexa que o Papa Francisco parece pretender implantar non debe aceptalo.

Se tanto interés hai na persoas que viven no campo dezao, por qué ningún representante eclesiástico levantou a voz publicamente a favor das mobilizacións dos gandeiros do Deza que tiveron lugar en Lalín neses mesmos días?. Aí si é preciso un Clamor contra das virxinais industrias lácteas e das administracións xordas e a prol duns prezos xustos aos productores. Señores da curia eclesiástica da Igrexa Católica, para cando un posicionamento claro, alto e forte a favor do rural galego e das súas xentes no canto de pasar a bandexa da limosna?

(*) Veciño de Brocos, Agolada