Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Manuel Vilaboa

Manuel Vilaboa pertencía a aquela tradición nobre na que as familias obreiras de Vigo perpetuaron a memoria republicana e a lembranza viva da represión iniciada o 20 de xullo de 1936.

Partícipe desde moi novo dos movementos folguísticos, entrou ao PCE nunha das reorganizacións clandestinas deste partido a principios dos anos sesenta, segundo el mesmo me tén referido. O seu oficio era o de linotipista, hoxe extinguido, e a familiaridade cos textos destinados a ser impresos levouno a ser un lector de amplios horizontes.

Dentro dos sectores máis e mellor documentados da cidade, Vilaboa destacou sempre como un militante informado e atento a todos os movementos político-sociais do mundo, a través da prensa, legal e ilegal, e antes da radio internacional. No período da Resistencia que, na nosa terminoloxía, denominamos de Ofensiva Múltiple, Manuel Vilaboa estivo integrado na organización das artes gráficas de CCOO e no citado PCE. Non teño noticias de que tivese algún tipo de relación con outros grupos e partidos que aparecían na clandestinidade en Vigo, en Galicia e en España, como poido ser a UPG ou as organizacións maoístas.

Sempre me pareceu observar en Manuel Vilaboa un desexo de procura ética da igualdade absoluta. Polemista persuasivo, ás veces enfático e de modos radicais, estes dotes servíronlle de moita axuda para lograr victorias sindicais, que o levaron a ser despedido e a quedar en situación persoal moi difícil.

Vilaboa, desde o punto de vista teórico, abandonou o eurocomunismo preconizado en España por Santiago Carrillo. E achegouse aos movementos sociais, culturais e políticos máis esixentes. Produciuse nel un achegamento ao nacionalismo galego de esquerda, que o levou tamén a sentir moita simpatía pola esquerda nacionalista vasca. Lin nos xornais que o seu cadaleito, por desexo último del, foi empanado coas bandeiras vermella e galega. Gozador da vida, das conversas, da discusión franca, Manuel Vilaboa ocupaba un espacio singular na sociedade viguesa que certamente non saberá ser encheito por ninguén. Ao revés que os máis dos actuais críticos e teóricos da literatura, eu creo nas xeracións. Eu son seguro de que aqueles e aquelas que naceron dentro dun período de dez anos e creceron recibindo as mesmas influencias, chegando a plenitude da vida e, despois, ao derradeiro tramo dela, teñen características persoais semellantes. Eu síntome da xeración de Manuel Vilaboa e nótome moi orgulloso e ufano de selo. Acaba, pois, de desaparecer un grande protagonista da historia do Vigo contemporáneo. Grandes apertas a Fernando Vilaboa, editor d´O ollo crítico. Esta foi a revista cultural que definiu un tempo desde a nosa cidade obreira.

Compartir el artículo

stats