Os desafortunados tuits do concelleiro de Cultura de Madrid (agora só concelleiro), Guillermo Zapata, sobre o Holocausto, Irene Villa e as nenas de Alcasser viron reabrir o debate sobre os límites do humor, mais non tanto sobre a natureza do humor negro, xénero no que Zapata se escudou para xustificar os seus comentarios. Cómpre, pois, facer algunhas reflexións sobre este tipo de humor.

En España non sabemos que é o humor negro. Como di Bernardo Vázquez Gil en El humor gallego nos medios de comunicación, "o humor negro español non se ri da morte; rise do morto". Mais o verdadeiro humor negro rise sempre da morte, nunca do morto. N'O segredo do humor, Celestino Fernández de la Vega explícao moi ben: o humor negro é "que fai de tripas corazón por non se desesperar, por non chorar, por caricaturizar a tristura"; o "que non quere entregarse á traxedia, á dor, á tristura, á lamentación dramática e xesticulante" e, por iso, "non ten máis remedio que escarnecelos, mofarse deles, ata chegar ao ludibrio e ao sarcasmo nos casos extremos". Trátase de empecer a traxedia, o pranto.

Os tuits de Zapata non son humor, nin negro nin de nigunha outra caste, senón esa ironía que moita veces (desde logo, esta) é o contrario do humor. Como di o filósofo francés André Comte-Sponville, "a ironía fere, o humor cura. A ironía pode matar, o humor axuda a vivir. A ironía quere dominar, o humor libera. A ironía é desapiadada, o humor é misericordioso. A ironía é humillante, o humor é humilde. Pódese chancear sobre todo: o fracaso, a morte, a guerra, o amor, a enfermidade, a tortura. O importante é que o riso engada algo de ledicia, algo de dozura ou de lixeireza á miseria do mundo, e non máis odio, sufrimento ou desprezo. Pódese chancear con todo, pero non de calquera xeito. Un chiste xudeu nunca será humorístico en boca dun antisemita". En efecto, ninguén goza tanto cos chistes antisemitas como os propios xudeus? cando os contan eles. Gran parte da súa fortaleza como pobo radica na súa habelencia para faceren brillar o humor por riba dos seus sufrimentos. En Stardust Memories (1980), Woody Allen bromea así sobre o Holocausto: "Se eu non nacera en Brooklyn, se nacera en Polonia ou Berlín, hoxe sería a pantalla dunha lámpada, non si?". Mais que tén que ver o tuit de Zapata con este auténtico exemplo de humor negro?

O límite do humor (tamén do negro) é, pois, non facer dano. Acábao de lembrar Marcos Mundostock, de Les Luthiers, preguntado na prensa polos tuits de Zapata: "Iso non se fai nin se di. Coa dor allea non se fode". Pódese chancear sobre todo, mesmo sobre o Holocausto, o atentado de ETA no que Irene Villa perdeu as dúas pernas ou os asasinatos das nenas de Alcasser, mais non, desde logo, como o fixo o concelleiro de Madrid.

Cando o pretendido humor non empece a traxedia, senón que a aumenta conscientemente, non é humor, nin negro nin branco; é unha canallada. Entre o verdugo e quen se ri do sufrimento da vítima non hai diferenza moral ningunha. O feito de que Irene Villa dixese que non se sente ofendida polo tuit de Zapata só fala da xenerosidade e da madureza dela.

* Xornalista e investigador en comunicación. Autor dos libros O humor en cadriños e O humor galego alén da retranca