Comenzamos un novo mandato municipal, o correspondente ao cuadrienio 2015-2019, xa ben entrado o século XXI, e faise un pouco raro ter que falar da necesidade e da normalidade que supón manter a separación entre a Igrexa e as institucións civís. Un tema que no que Compostela Aberta clarificou durante a campaña electoral e que en ningún momento ficou escondido. Tal vez algún ou algunha lectora poda pensar que nunha cidade como Santiago de Compostela podería existir unha preocupación enorme, entre a xente, pola posibilidade de que o seu alcalde non participe en eventos de carácter relixioso. Nada mais lonxe da realidade. Durante as dúas semanas de campaña, visitamos todos o barrios e parroquias, establecemos un diálogo e unha comunicación intensa mais nunca apareceu este tema como preocupación da veciñanza. Si que falamos de emprego, de políticas sociais, de pequenas infraestruturas, do mantemento dos servizos públicos... e de moitas outras preocupacións que existen nestes tempos tan complicados que padecemos. Mais nunca en ningún barrio ninguén suxeriu que lle pedísemos ao Apóstolo, ou a calquera outro santo, que nos axudase a terminar co desemprego. Esa é a realidade, a do día a día da xente do común.

En pleno século XXI, e xa case con corenta anos de ter aprobada unha constitución que recolle esta separación no seu artigo 16.3, semella moi raro falar disto. Semella raro ter que explicar que a nosa é unha posición que nace de acreditarmos na liberdade relixiosa de calquera cargo público mais tamén de acreditarmos en que o espazo do relixioso non debe mesturarse co espazo propio das administracións públicas. Institucións que nos representan a todos e a todas, independentemente de se temos ou non temos credo relixioso e independentemente de cal sexa esa fe, no caso de ter algunha. Un exercicio de modernidade e de construción de institucións civís adaptadas á sociedade actual. Respectamos actos como os que recoñecen e homenaxean o Antigo Reino de Galiza -que xa comezan no día de hoxe en Lugo- mais entendemos que deberan ter outros formatos e outra base.

Non podemos admitir unha subordinación do poder democrático, dos representantes electos polo pobo, fronte o poder relixioso. Non é unha cuestión ideolóxica, senón de calidade democrática. De normalidade.