Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Hai máis mundo

Hai quen non encontra máis que mal e erro en toda opinión que saia do seu círculo, da súa xente, das súas crenzas, do seu partido, da súa familia. Persoas que viven convencidas de que todo o que non pense igual que elas é merecedor da maior das condenas.

Recordo o que dixo San Ignacio de Loiola hai uns cantos séculos: "Débese presupoñer que todo bo cristián ten que estar máis disposto a salvar as opinións dos demais que a condenalas. E se, cando as entendeu, as segue vendo malas, corríxao con amor. E se isto non abondase, busque por todos os medios que esas opinións, ben entendidas, se salven."

Pero nós (pero eu!) camiñamos polo carreiro oposto: se no que o noso adversario opina hai dúas interpretacións posibles, eliximos a peor. Se un cinco por cento desa opinión é erróneo, quedamos con esa porcentaxe e esquécesenos o noventa e cinco aproveitable. E o máis deshonesto: sufrimos, e moito, no caso de que non encontremos nada que atacar.

Dende a nosa atalaia vixiamos e disparamos a todo o que nos rodea; e así nos vai. Pero é moi necesario que abramos os ollos, xa!, e empecemos a entender e a entendernos. E aí si, cando comece a entender empezarei a aceptar. E no intre no que acepte, comprenderei, ou sexa, sairei de min mesmo e metereime na pel do outro antes de xulgar nada seu.

Penso que hai un principio cuasi sagrado que deberiamos poñer máis en práctica: "Os meus demais son bos mentres non se demostre o contrario. E o que os meus demais din é certo, ou polo menos razoable, mentres non se demostre o contrario".

Porque temos que recoñecer que todos (todos!) somos cegos, ou polo menos miopes. E vemos o que queremos ver. Non mentimos pero si vivimos comodamente nun anaco de mundo pensando que é o único que existe. Pero grazas a Deus hai moito mundo máis alá do meu mundo.

Se queremos gozar desta vida e non deixarnos asasinar pola amargura imperante temos que abrir os ollos e empezar a aceptar que hai máis terra que esta que piso e máis xente que esa á que eu coñezo. E aproveitar o salvable para construir e non do desatinado para derrubar.

Compartir el artículo

stats