O pasado domingo o PSdeG-PSOE de Forcarei sufría un duro revés nas eleccións municipais ao perder un concelleiro con respecto ao ano 2011 que foi para Foro Forcarei. O noso obxectivo de subir a cinco concelleiros non se cumpríu e ademais os electores castigaron aos tres principais partidos, PP, PSdeG-PSOE e BNG, que perderon medio millar de votos.

Na agrupación local do PSdeG-PSOE consideramos que non podemos culpar a ninguén do resultado nin buscar causas externas que o xustifiquen. Sempre demos a cara e esta vez tamén. Non sintonizamos cos veciños, non fomos quen de aglutinar unha nova maioría como si aconteceu na maior parte da provincia e non soubemos trasladar a aqueles que votaron por un criterio individual (un favor persoal que lle fixo a alcaldesa, unha entrada a unha propiedade particular, un contrato, un posto de traballo, etc) que debíamos pensar en colectivo, que debíamos pensar en Forcarei por riba de todo.

Hoxe analizamos os resultados nas distintas mesas nunha asamblea de militantes e simpatizantes e tamén hoxe, xa constituímos un equipo de traballo para comezar de novo, para partir de cero e para demostrar que somos un alternativa de goberno preparada e comprometida co noso pobo.

Como lider dos socialistas de Forcarei asumo toda a responsabilidade sobre o resultado e quero dicir alto e claro que estou convencida de que dentro de catro anos haberá unha nova candidatura socialista que conseguirá o cambio que eu non fun quen de conseguir porque perdemos votos, si, pero ganamos un equipo moi potente que fai catro anos non tiñamos e que fará un traballo eficaz.

Temos presentes que o PP sacou 1289 votos pero tamén que 1169 electores dixeron que non queren a este PP, ao de Forcarei. A aqueles que non nos votastes, estade pendentes do noso traballo porque conquistarémosvos, aos que nos votastes decirvos que estamos moi agradecidos pola confianza e non vos defraudaremos e aos socialistas de Forcarei, adiante, que o futuro non fixo máis que comezar!

*Ana Doval Fraíz é a líder do PSdeG-PSOE de Forcarei, edil socialista e candidata á Alcaldía nos comicios municipais do 24-M