Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vicepresidente do Consello para a Convivencia Escolar de Galicia

Convivir nas aulas do siglo XXI

Os sistemas educativos modernos enfrontan hoxe retos dun calado que non coñece igual na historia da educación regrada. A sociedade do século XXI é fluída e cambiante, globalizada, vertixinosa. Nestes tempos líquidos, por manter a metáfora de Z. Bauman, tempos nos que todo cambia e se transforma en tempo real, un dos maiores retos non está na xestión dun coñecemento cun nivel de obsolescencia nunca antes visto. O verdadeiro reto da educación do século XXI é repensar unha escola que escolariza a cidadáns dunha aldea global, unha aldea chamada mundo.

A omnipresencia das TIC sitúanos nun contexto no que as interaccións xa non se reducen ao entorno próximo do alumnado, senón que se estenden a toda aquela persoa a un clic de distancia. Persoas cunha identidade dixital en ocasións difusa, que non sempre coincide coa identidade real; o que fai que esta situación, chea de potencialidades, non estea, en absoluto, exenta de riscos. A escola xa non é un edificio pechado, senón un recinto con paredes de cristal. A interacción xa non é opcional, polo que a convivencia pasa a ser o factor sobre o que pivota toda acción educativa.

Partimos dunha situación totalmente nova e en constante cambio, da que é difícil obter unha foto fixa que nos dea unha idea do estado real da convivencia no noso sistema educativo. Debemos ter en conta, ademais, a diferenza entre a convivencia obxectiva e a convivencia percibida. Na nosa comunidade non temos un problema de convivencia. As taxas de conflitividade son mínimas e quedan, polo xeral, circunscritas ao ámbito dos inevitables roces propios do trato diario. Isto non obsta para que, en ocasións, co afán de abordar as cuestións puntuais que poidan xurdir, proxectemos na sociedade unha ilusión de, tal vez, maior problemática. Por iso é importante traballar desde a evidencia contrastada e científica. Recoller datos obxectivos, analizalos e actuar en consecuencia debe ser a base de toda boa práctica en materia de educación.

Neste sentido a formación, a investigación e, en definitiva, a mellora da calidade en materia de convivencia escolar, non pode partir do abstracto, senón que debe baixar á area da práctica para beber das fontes máis autorizadas: as que de xeito pioneiro, excelente e proactivo veñen traballando neste senso desde hai tempo.

Galicia está á vangarda no nivel normativo coa Lei 4/2011, o decreto que a desenvolve, e co protocolo de acoso escolar e ciberacoso. Non temos problemas significativos de convivencia porque os e as profesionais do ensino traballan arreo nas aulas a diario para que así sexa.

O labor do profesorado é, xa que logo, o epicentro de calquera inciativa de mellora do clima de centro. Os e as profesionais da docencia precisan de todos os apoios necesarios para que, desde o respecto e potenciación da riqueza que supón a autonomía dos centros, o marco de prevención e intervención estea claramente definido. Ningún sistema educativo é mellor que os seus profesores. Este traballo inxente e en certo senso invisible precisa do noso apoio, aproveitamento e difusión. Pero tamén precisa de guía, orientación e soporte. Tan importante como facelo ben é ter a certeza de que un está no bo camiño.

Nesta senda na que os profesionais da educación non están nin deben estar sós, toda a comunidade educativa debe traballar xunta e coordinadamente: nais e pais, axentes sociais, sanitarios... Nesta liña é preciso destacar o labor das familias, o entorno primario de socialización e desenvolvemento das persoas. As familias e os centros educativos traballamos non fronte a fronte senón cóbado con cóbado, porque nos une e nos guía un interés común: o benestar do alumnado. Por iso a normativa da nosa comunidade prevé, e así será, o fomento e a potenciación das Escolas de Nais e Pais. Unha formación contínua que desde a aprendizaxe entre pares, a reflexión e a adquisición de novos coñecementos, facilitará ás familias enfrontar os retos destes novos tempos.

Porén, nas interaccións de calquera grupo humano ao longo do tempo o conflito é inevitable. Afrontalos como oportunidades de mellora e encarar a súa resolución en positivo supón apostar pola mediación, pola resolución conciliada, polo diálogo e o compromiso.

O Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, constituído este venres, nace cunha vontade de traballo claro e con tarefas concretas,comezando por unha estratexia de mellora da convivencia que pretende incidir, precisamente, en todos os aspectos destacados previamente, unha estratexia integral, con presenza de todos os axentes implicados, que busca mellorar o clima escolar e sentar as bases dunha sociedade capaz de navegar os tempos máis incertos coa bandeira da pluralidade, a inclusión e a paz.

Compartir el artículo

stats