De acordo cos últimos datos dispoñibles do INE (rendas de 2012), un 17% dos galegos (470 mil) están en risco de pobreza polos seus baixos ingresos seguindo o criterio oficial da UE (en España, uns 17.000 anuais para unha parella con dous nenos). Isto supón unha incidencia da pobreza inferior á de España (20%, das máis altas da UE) e similar ao promedio da UE. O risco de pobreza é algo inferior cando usamos un limiar de pobreza galego, pero estase a agravar notablemente. De acordo aos datos do IGE aumentou dous puntos e medio entre 2008 e 2012, tras situarse durante anos no entorno do 14%. Aínda máis alarmante é o aumento da pobreza infantil, a máis inmoral de todas e a que ten peores repercusións a longo prazo: incrementouse 7 puntos porcentuais (do 15% ao 22%: 76 mil nenos galegos pobres, 24 mil máis dos que serían coa taxa anterior). Estes aumentos terían sido aínda maiores de mantermos o valor real do limiar de pobreza de 2008 (que caeu pola redución xeral de ingresos): 7 puntos no conxunto da poboación (ata o 21%), once entre os nenos (ata o 26%). Outros colectivos con taxas e aumentos elevados son os estranxeiros (a metade é pobre) e os parados (é pobre o 28%), aínda que da pobreza tampouco escapan os ocupados (12%).

Moitos galegos sofren, ademais de baixos ingresos, algún tipo de carencia material, que se traduce en pobreza na alimentación, no acceso á vivenda ou aos servizos básicos da mesma, no ocio, en estrés financeiro, etc. Manifestacións extremas disto son os 1.900 galegos sen fogar contabilizados polo INE en concellos de máis de 20 mil habitantes, ou a execución hipotecaria de case 800 vivendas de persoas físicas iniciada tan só nos primeiros 9 meses de 2014. A maioría dos galegos non poden permitirse unha semana de vacacións ao ano, un 37% non podería facer fronte a gastos imprevistos, e un de cada cinco manter a vivenda cunha temperatura adecuada. Un 5% dos galegos tivo atrasos no pagamento de recibos básicos da casa (como aluguer, hipoteca, luz, ...) e entorno a un 4% non pode permitirse unha comida de carne ou peixe cada dous días. Combinando a pobreza monetaria coa privación severa (acumulación de 4 de 9 carencias básicas) e a baixa intensidade laboral nos fogares (que sofre un 14% dos menores de 60 anos), a poboación galega en risco de pobreza ou exclusión social, tal como a define a UE na súa Axenda 2020, elévase ao 24%.

A situación dos fogares agravouse porque a actual recesión da economía galega, da que a recuperación aínda é feble e incerta, golpeounos na súa principal fonte de ingresos, o traballo. Os datos da EPA mostran a perda de 200 mil empregos, un nivel de 258 mil parados (20% da poboación activa) que duplica a taxa de desemprego da UE, e mais da metade destes desempregados (141 mil) levan máis dun ano sen atopar emprego. A isto, habería que engadir uns 95 mil "parados a tempo parcial" (sobre todo mulleres) que traballan pero non conseguiron un desexado emprego a tempo completo, a temporalidade dos empregos (82 mil ocupados con contratos que non superan os 6 meses), sen contar os que abandonan a busca de emprego por desánimo ou emigraron. O paro cebouse na mocidade (46% nos menores de 24), dos que 23 mil tampouco cursan estudos, polo que non conseguen nin experiencia nin cualificación. A evidencia empírica indica que a redución dos ingresos polo desemprego continuado da mocidade non é ocasional senón permanente. O resultado é que case 32 mil fogares galegos declaran na EPA non teren ningún perceptor de ingreso, e un 11% dos nenos vive en fogares onde ninguén traballa. É difícil pensar que a pobreza non se continuará agravando nos vindeiros anos de non se producir unha radical mellora do nivel e calidade do emprego.

Neste contexto, púxose a proba o papel do Sector Público como amortiguador dos efectos da recesión. Se ben o sistema de protección social garantiu a provisión de educación, sanidade, e algúns servizos de dependencia, os continuados recortes nos servizos básicos e complementarios, xunto coa introdución ou incremento de copagos, deterioraron sensiblemente o acceso aos mesmos de numerosos colectivos (o exemplo extremo foi a retirada da tarxeta sanitaria aos inmigrantes en situación irregular). O sistema de rendas mínimas tamén contribuíu a paliar notablemente o problema, especialmente as prestacións de desemprego (prorrogadas a parados con cargas familiares) ou a RISGA, que incrementou considerablemente o número de beneficiarios, así como as axudas de emerxencia de Xunta e Concellos. Pero o sistema veuse amplamente desbordado, mostrouse insuficiente e lento na resposta ao drama xerado pola crise, e vive da improvisación constante. As ONGs fixéronse cargo de facto da asistencia máis urxente, substituíndo así ás institucións públicas responsables da mesma. Existe unha planificación das estratexias de inclusión social a nivel europeo, español e galego, pero xeralmente estes plans están cheos de boas intencións pero poucos recursos e medidas concretas, innovadoras ou ambiciosas, limitándose a facer unha recompilación das medidas existentes, sen que supoñan un cambio real nas prioridades de goberno.