Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máster Xestión Sostible da Terra e do Territorio

O agrario: de potencial a potencia

Nestes intres estámonos a xogar case 900 millóns de euros de fondos europeos para desenvolvemento rural. E máis importante, temos que decidir en que imos a invertilos para endereza-lo rumbo do noso territorio, e en concreto o rural, que semella cada vez máis ser un barco á deriva. É o momento de facer unha diagnose axeitada, decidi-lo rumbo e coller con firmeza o temón. Diso se ten que ocupar o Programa de Desenvolvemento Rural, actualmente en elaboración, de aquí ó 2020. Todo sendo conscientes de que nese barco imos todos e que cando falamos, por exemplo, da superficie agraria útil, referímonos a un dos seus puntais estratéxicos cuxa deminución e degradación nos pode levar a pique. Vivamos en Lobios ou en Vigo.

A superficie agraria útil é a base dun sector que, pese ás dificultades, segue a ser fundamental na economía galega e dominante en moitas comarcas, sobre todo do interior, tanto en termos de riqueza xerada como de emprego. Máis aló desa relevancia sectorial, as terras de pastos e de labor son condición necesaria (aínda que non suficiente) para acadar a soberanía alimentaria, concepto ó que lle deberíamos prestar moita máis atención nun mundo tan cambiante e incerto. En moitas áreas son esas terras as que definen paisaxes de gran valor e tamén as que acubillan biodiversidade específica. Son ademais, en numerosas ocasións, as que protexen ó noso país do risco de arder todavía con máis virulencia e devastación. En definitiva, as terras agrarias son unha riqueza estratéxica que non debemos deixar esmorecer.

Porén as cifras son teimudas e a superficie agraria veu descendendo de xeito continuado nos últimos trinta anos. E fíxoo tanto en cantidade, cunha deminución de máis de 150.000 nesas tres décadas (estimación aproximadas), como en calidade. Os procesos de polarización (marxinalización vs. intensificación) e simplificación que actúan a escala do país, tamén o fan a este nivel. Así, mentres algunhas terras van deixándose sen aproveitar, noutras aumenta a intensificación con riscos de erosión do solo, contaminación das augas ou perda de valores ambientais. En paralelo, as producións fóronse especializando e polo camiño quedaron moitos cultivos, variedades e razas, en moitos casos autóctonas, de gran interese cando un pensa en aspectos como os produtos diferenciados, novos nichos de mercado, etc. ou na resiliencia e capacidade de adaptación.

Que di ó respecto o borrador do Programa de Desenvolvemento Rural (chamado PDR) elaborado pola Consellería do Medio Rural co obxecto de captar os fondos comunitarios? Pois pouca cousa. A diagnose que fai o documento non advirte desas tendencias negativas nin do que se agocha tras dos grandes números. Tanto é así que a propia Comisión Europea, que ten que aprobar dito programa, unha vez que analizou o referido borrador vén de pedirlle ó goberno galego que 'aporte cifras máis detalladas que se refiran ó sector agrícola' ó tempo que solicita que proporcione máis información 'con respecto ás posibilidades de creación de emprego nos sectores que fomenten o crecemento relacionados coa agricultura, a silvicultura e a agroalimentación'. Todo ilo para definir e xustificar mellor a estratexia futura. É dicir, difícil decidir o rumbo se non sabemos onde estamos.

Tamén hai vida (ou debería habela) máis aló do PDR. Así, nos últimos anos houbo unha actividade lexislativa intensa para revertir esas dinámicas a través, por exemplo, da Lei de Mobilidade de Terras, da Lei de Montes ou mesmo coa Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria, actualmente a debate. Pero non serve de moito se despois as leises non se aplican, non se desenvolven ou non se dotan cos recursos suficientes (pensemos no caso do Banco de Terras). A DOGacracia soa non cambia as cousas.

O futuro PDR é unha oportunidade non só para tratar de frear a perda de superficie agraria, senón tamén o marco para definir que rural queremos, unha caixa de ferramentas para construílo e bos diñeiros para facelo. O primeiro para emprender a singladura é ter a visión suficiente e ser conscientes das potencialidades do rural e, en particular, do sector agrario, escapando de ideas anacrónicas que os vencellan ó atraso e a economías sub-desenvoltas. As dúas maiores economías europeas, Alemaña e Francia, son tamén dúas das principais potencias agrarias.

É necesario comprender a interdependencia entre os diferentes usos do territorio e ver que o futuro da superficie agraria e da agricultura trascende o ámbito sectorial. Galicia ten un potencial enorme para ter unha agricultura moderna, sostible e de alto valor ambiental, xerando novo emprego de calidade e máis valor engadido. Podemos comezar polo futuro Programa de Desenvolvemento Rural, sen que teña que vir Bruxelas a facernos os deberes. Fagamos dese potencial unha gran potencia.

Compartir el artículo

stats