Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Yo soy (Bl)esa

Desde logo que si; claro está que a cousa vai para alén dun caso calquera, dunha pura e dura falcatruada máis, de furtañeiros moinantes constantes de parada de metro e/ou autobús. Con certeza que non se trata, daquela, de ningunha sorte de módico calote, dunha argallada, embuste, latrocinio... propio de afeccionados, improvisados seareiros do alleo, simples mangantes ocasionais -"amadores", que lle din os irmãos da outra beira do Miño/Minho, gatunos aprendices no patio de Monipodio. Xa que logo, por todo iso é que fan moi requetebén os dilixentes responsables do Partido Popular: antes de tomaren unha decisión a toas -non fixeron tal aínda as hostes de D. Mariano Rajoy cando se redactan as presentes liñas; se acaso acontece que agora mesmo, cando xa están Vdes. a lelas, chegaron a un veredito, haberemos de reiterar aquí as nosas peticións e consello arredor das necesarias calma e mesura na arela-; antes de pronunciarse, pois, os líderes dos "populares" han de ponderar como lle cómpre, avaliar amodo, sopesar, estimar e considerar ben todas as probabilidades. Por exemplo e en primeirísimo lugar, este modesto cronista interpreta que é necesario agardar a que os efectos da resaca -poñamos, mellor, do resacón- desaparezan por completo, ou cando menos nunha cantidade apreciable, dos moi castigados corpos de D. Miguel Blesa, D. Rodrigo Rato, D. Idelfonso Sánchez-Barcoj... e todos os demais implicados no "affaire tarjetil". Ao cabo, coñecidos son de todos os efectos perniciosos derivados do uso/abuso de determinadas substancias sobre a entidade humana: é ben probable, en consecuencia, que, "perjudicados" como poida que aínda vaian, os implicados non se presenten en disposición de discernir con claridade se é que se atopan xa nos Madriles (Spain) ou, ben polo contrario, permanecen nalgún apartamento, suite de luxo... da Riviera maya, Bankog, Río de Xaneiro e/ou otros recoñecidos centros mundiais de meditación trascendental e estudo. Entón, mentres tal non se aclare -e hai desmemorias que deveñen logo amnesias-, constituiría un verdadeiro atentado proceder en contra deles, sen máis.

"Non descartamos ningunha hipótese posible; é por iso que estamos, agora mesmo, traballando en máis dunha dirección", declarou, e acertadamente, Mdme. de Cospedal. E leva razón, e tanta!, Dna. María Dolores. Sen ir máis lonxe, e como no seu día xa advertira aquel grande home de estado, de cuxo nome non quero lembrarme, pode moi ben suceder que os verdadeiros, taimados usuarios das Black Card de Caja Madrid -Centurion Card, Cartóns Opacos: como prefiran denonimalas os, sempre moi amables, lectores- non "anden en desertos remotos nin vivan en montañas afastadas". Un pouco de Goma-2 ECO; un BMW X6 -que non unha Renault Kangoo, demasiado ordinadira-; un par de mochilas (neste caso, sempre de Loewe ou Versace) e un cd de Pitingo -as casettes da Mondragón son para os pobres demodés- e velaí como os, inxustamente desaparecidos en combate, Ángel Acebes e Eduardo Zaplana organizan sen demora toda unha teoría conspiratoria de postín! Onde estás, Pedro J., que non te oímos/lemos? En fin, por non excluir, coido que nin sequera deberiamos rexeitar, xa postos no allo, a presunta participación do oso emblemático. Si; esa do mesmo, e sospeitoso, plantígrado que presidía o logotipo da entidade madrileña; despois de todo, vivir cunha Black Card a tempo completo non deixa de parecerse a algo así como vir morar no medio e medio do mel; pois ben, sabido é o que lles gusta aos referidos tan doce alimento. E se foi o tal oso, daquela, quen liscou de veras con todos os cartos?

Pouco máis de tres millóns de euros -unha nadería-: velaí o valor das tres propiedades inmobiliarias das que é titular D. Miguel Blesa en España. Dous millóns e medio vén ser, da súa parte, o prezo do chalet de Isabel Pantoja na exclusiva urbanización de La Moraleja. Ambos, cantante e mais cantante, enfréntase a un embargo de bens non seren capaces de reunir as cantidades fiaxadas polos xuíces como fianza. Non me considero, desde logo, o máis indicado para impartir doutrina financeira e/ou,. moito menos, impartir consellos en materia sentimental; non obstante, e diante da eventualidade de acabaren entre reixas, por que non acordaren compartir gastos? Chegados a tal punto, acaso sería moito pedir, da bondade das autoridades competentes, que compartisen, Miguel/Isabel, un mesmo "centro de acollida"? Logo, se tal e "la cosa surge" -xa saben: "se me enamora el alma, se me enamora..."-,a relación até podería derivar en días de rosas, amor e compañía, por que non? Decididamente: penso que moito demoran os Matamoros, María Patiño, Lydia Lozano... e, claro é, o inefable Jorge Javier Vázquez, en propoñer urbi et orbi a idea. Non cabe dúbida que Tele 5 habería de rebentar con ela os máis elevados cumes do share!

Compartir el artículo

stats