Vistamos o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, dedicado aos petroglifos que hoxe se tende a acentuar como palabra esdrúxula. Trátase dunha intervención sobre o terreo que pon en valor un importantísimo conxunto de formas insculpidas en laxes. Vexan que a palabra "laxe" é tan arcaica e prehistórica coma os propios gravados rupestres. O edificio de funcionalidade óptima acolle un evento audiovisual que informa, de modo xeralmente acertado e didáctico, do que se sabe dos petroglifos de Gallaecia ou Callaecia ou Kallaikía, que é como os grecorromanos lle chamaban ao noso país antigo.

Visitando a estación de Campo Lameiro, viñéronme á memoria os días adolescentes nos que coñecimos, e traducimos do latín, o Corpus petrogliphorum Gallaeciae de Sobrino Buhigas e admiramos os facsímiles das insculturas no Museo de Pontevedra. Daquela descobrimos a Laxe das Lebres, en Poio. Agrupados na zona sudoriental de Gallaecia, o número de petroglifos descubertos e estudados polos arqueólogos non cesa de aumentar. Vendo esta prodixiosa concentración de Campo Lameiro, non puidemos esquecer o traballo anunciador e maxistral de Carlos García Martínez. Coido que son horas de que a actual Galicia cobre conciencia de que os seus petroglifos son un tesouro nacional e que merecen, todos eles, ser protexidos con coidados máximos. Todas as escolas e centros de ensino de Galicia deberían organizar escursións de alumnos para aprender en Campo Lameiro. Igualmente, sería importante convocar cursos de información para alcaldes e concellais de municipios nos cales existen gravados deste tipo. É tempo, coido, de afirmar a contemporaneidade da nosa arte rupestre. Independentemente da súa interpretación, en extremo limitada, debemos entregarnos a e aprenderlle aos estudantes de Galicia a se entregar a unha apreciación estética contemporánea destes vestixios. O valor plástico dos nosos petroglifos é evidente. En Campo Lameiro, poñamos por caso, está a Laxe dos Carballos, sitio que leva un nome de recente invención. Baixo unha árbore poderosa e cargada de simboloxía literaria desde Höderlin e Rosalía, o carballo, está a pedra na que se representa o máis fermoso cervo do mundo, rodeado de coviñas misteriosas, de círculos e labirintos. Case nada sabemos, aínda que elucubremos abondo, sobre a simboloxía e cronoloxía de tales formas. Elas constitúen, sincronicamente aínda que pertenzan a sistemas arredados no tempo, un espacio de beleza total e actual. Os petroglifos suscitan o orgullo de sermos galegos que perduran a través dos séculos, dos milenios.