En días moi recentes, o pensamento hexemónico español fixo escarño de Venezuela e do chavismo. Por todos os medios ao seu alcance, o goberno de Madrid desprezou e bulrouse daquela América que, nos versos avellentados de Rubén Darío, "aún tiene sangre indígena, aún reza a Jesucristo y aún habla en español". Despois da ruína da URSS combateron contra Cuba con inquina. A cima do proceso foi o intre no que o rei de España lle dixo o comandante Hugo Chávez, perante o mundo iberoamericano, "por qué no te callas?".

Toda a España negra lle riu a graza ao Borbón. E foi avanzando o socialismo do século XXI en Venezuela, sen España. E tamén a CELAC, a ALBA, e outras instancias dos países que realmente falan "español" aínda que hoxe promovan as linguas indoamericanas con decisión nunca vista. Os periódicos e as políticas prepotentes e soberbias de Madrid ocasionaron que aquelas nacións que antaño se chamaron Hispanoamérica prefiran hoxe ser Latinoamérica. Ou ben, "Nuestra América".

Desde México á Patagonia (deixando á parte Brasil) as repúblicas fillas de España negan, parece que de forma definitiva, a idea de "Madre Patria". Agora prefiren a de "Madre Tierra", ou "Pacha Mama".

En 1898 os EEUU humillaron a España e fixeron que este reino lles entregase Cuba, Puerto Rico, Filipinas, Guam, e algunas miudenzas. Ao asinar o tratado de rendición de España aos EE UU, Montero Ríos, ancián, chorou de rabia. E iso que era un vello cuco con moita experiencia na imperturbabilidade circunstancial. Os intelectuais racharon as vestes. E xurdiu en Madrid, España, a "Xeración do 98". Porque "había que intervenir", como escribirá o xove Azorín en ABC.

Hoxe Puerto Rico segue a ser unha colonia dos EE UU, o que ao ABC de Madrid non parece importarlle moito. Pero tal día como hoxe vemos o seguinte: Cataluña, vaise. Detrás irán outras nacións agora incluidas en España. Putin viaxou de Cuba a Buenos Aires e Jinping de Buenos Aires a Cuba asinando convenios bilaterais. A extinción dos EE UU é clamorosa. Washington reprégase, derrotado política, moral e económica, de Hispanoamérica, ou sexa Latinoamérica.

Pero Madrid tamén se foi de América o día no que deixou de ser España e pasou a ser PRISA, REPSOL ou Telefónica. Estou á espera de que en Madrid, nos periódicos de Madrid, volva aparecer unha nova Xeración do 98, tan crítica e tan ben dotada de talento literario e sentido da lingua castelá coma a orixinal. Non parece que tal cousa vaia ocorrer.