Lin días atrás asinada por una señora residente en Nigrán unha carta ao director na que se alegaba en defensa das pulgas da praia. Lamento non poder citar o nome da autora porque o vento me levou da man o papel no que o tiña anotado. En troques, lembro moi ben os seus brillantes razoamentos. As pulgas da area son uns crustáceos diminutos e inofensivos que se alimentan, nas praias de restos orgánicos. O concello de Nigrán, e estou seguro de que tamén outros das rías, ten a obsesión de achandar as praias con maquinaria pesada, que deixa o areal gradado a fondo. Levan da Praia todo o argazo que alí deitou o mar, e con el as diversas pulgas saltadoras. Co argazo e co remover da area masacran non só as pulgas, senón tamén varias especies de dípteros e outra animalia que non lle fai mal a ninguén.

Di a autora da carta que unha praia é para estarmos na Natureza, cos seus cheiros e en compaña dos seus seres vivor e tamén mortos. Considera que unha Praia non é unha piscina e, engado eu, que o que queira asepsia e comodidades que vaia dar co seu corpo nun spa. É triste comprobar como a extraordinaria sensibilidade ecolóxica, patriótica e social que move masas solidarias cando a costa aparece contaminada dalgunha maneira, en Galicia, non se manifesta no caso da maquinaria municipal que destrúe cada día, co motivo de pentear as praias, un rico e complexo espazo ecolóxico.

A pulguiña das praias, coido que Talitrus saltator, divirtiunos moito de nenos e é a parte máis visíbel da destrucción da vida nas nosas praias. O carromeiro, o verdello, as correolas a argaceira toda constitúe un festín para moitos insectos, vermes e crustáceos coma a pulga que, á súa vez, atrae bandos de paxarada, incluídos os periquitos invasores de Toralla, que veñen e aquí e de acolá a participaren do festín varado.

Hai amantes da natureza que só teñen ollos para o orangutango, para o elefante ou para a balea. A medida en que os animais se fan pequenos, perden interese e ningunén se moviliza para protexer os íntimos. Eu afiliaríame a unha organización para a defensa das pulguiñas da praia. En realidade, non penso que haxa moitas persoas dispostas a se uniren contra o maltrato municipal ás praias da ría de Vigo e a favor da biodiversidade da que tanto se fala en van. Pero tamén sei que existen, tal como revela a carta ao director coa que iniciaba eu esta columna.