Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A protección social do patrimonio

O debate sobre o patrimonio, a súa protección e conservación é algo que caracteriza a sociedade actual, nomeadamente a europea, onde o valor da súa riqueza cultural e artística é moi elevado. Tamén no caso de Galicia dispoñemos dun inxente legado patrimonial , en grande parte de orixe eclesiástica, que constituíu un recurso de grande potencialidade, pero tamén un sector que está permanentemente necesitado de investimentos que eviten o seu deterioro. A capacidade de protección é importante, dado o empoderamento das administracións públicas da maioría da riqueza considerada como patrimonio susceptible de algún grao de atención. Pero tamén a posibilidade de destruír patrimonio é superior á de calquera etapa histórica anterior. É preciso, por tanto, fomentar unha reflexión colectiva, de técnicos e de expertos, pero tamén da sociedade no seu conxunto, darredor do que debemos considerar como patrimonio susceptible de ser conservado.

Vivimos en tempos de aceleración histórica, pero tamén de necesidade de referentes que axuden a nos situar tanto no espazo como na liña do tempo. Un destes referentes é o patrimonio, entendido no seu sentido máis amplo de ser un legado dos nosos devanceiros ou, dito á moda inglesa, de se tratar dunha herdanza ou heritage. En poucas áreas da vida colectiva se pode aprezar mellor o sentido da responsabilidade dunha comunidade como no tratamento que se lle dea a uns bens culturais que, por definición , deben ser considerados como unha riqueza comunal. Parece difícil manter, en tempos de individualismo, un enfoque comunitarista. Pero o caso do patrimonio cultural (e, en menor medida, o natural) é un exemplo deste valor comunitario dunha riqueza que non só podemos disfrutar, senón que debemos coidar para ser legada ao futuro.

Nesta perspectiva, o patrimonio adquire unha dimensión transversal que deriva do propio valor intrínseco dos Bens de Interese Cultural (BIC), pero tamén da súa enorme proliferación nos tempos presentes. Podería dicirse que hoxe avanzouse moito na capacidade de protección patrimonial, en parte debido ao fetichismo que caracteriza á sociedade occidental. Pero esta consideración do patrimonio debe ser "historizada", porque non sempre ten sido deste modo. Certamente, pasamos dunha situación de indefensión e de baixa protección, de escasa conciencia social sobre o valor do patrimonio, a un contexto en que acontece o contrario, no que case todo é susceptible de ser patrimonio protexido, desde un castro ou unha igrexa ata os lentes dun escritor ou a engra dunha ferrería. Esta ampliación conceptual tamén deriva da pluralidade de valores que se lles atribúen aos BIC, pois estes deixaron de ser simplemente selectas xoias que deben ser protexidas como "marabillas" polo seu valor artístico. Na actualidade, alén do valor artístico que contén en si mesmo unha parte substancial dos bens culturais, tamén existe clara conciencia da súa importancia económica e, desde logo, de ser un piar fundamental, pola súa dimensión simbólica, das identidades nacionais.

Dispoñemos, pois, de moito patrimonio e de valor moi diverso. Agora ben, tamén se corre o perigo de que haxa unha invasión de "patrimonialismo" que faga difícil o seu goberno, que lance a mensaxe de que todo é patrimonio. É preciso, por tanto, considerar os Bens Patrimoniais como unha construción social, que se rixa por normas colectivamente asumidas que lexitimen unha certa xerarquía na definición do que é patrimonio pero que, ao propio tempo, rescaten a complicidade social que, durante séculos, foi o mellor cinto de protección dos hoxe chamados BICs. O patrimonio é unha herdanza que pasou por moitas mans e que foi coidada ou respectada por sucesivas xeracións dos nosos devanceiros. Pero que un retablo ou unha fachada dunha igrexa chegasen ata nós en bo estado non deriva de que os seus usuarios se mantivesen externos a eses bens culturais senón precisamente por teren feito contrario. Porque se trataba de bens que representaban para eles algo útil, próximo e, por tanto, defendido pola mellor policía do mundo, que é o control da comunidade sobre o que considera riqueza de todos. Para os nosos devanceiros, o respecto cuase sagrado que hoxe temos polo patrimonio non existía como tal, porque tiña un valor de uso que hoxe non recoñecemos.

Esta mudanza de enfoque debe ser tida en conta para actuar na sociedade actual, porque non se pode substituír a idea de que nada era patrimonio pola de que todo é patrimonio. Son precisos algúns límites e, sobre todo, un consenso ou unha complicidade social sobre esta materia. O patrimonio só ten viabilidade futura se é asumido como tal pola sociedade e esta considera que é unha riqueza e non un estorbo ou un capricho de eruditos. Hai máis de cen anos, o estudoso alemán Riegl sentou no seu libro El culto moderno a los monumentos (1903) que "o patrimonio non posúe ningún valor de seu, senón que lle vén dado a partir de consideracións sociais". Penso que esta concepción do patrimonio non debería ser esquecida nos tempos presentes, nos que parece haber un foxo cada vez maior entre o parecer dos expertos e a percepción popular sobre o valor dos Bens Culturais. Superar esa distancia é un desafío que paga a pena afrontar.

*Presidente do Consello da Cultura galega

Compartir el artículo

stats