O pasado día 15 de Xuño, e so a presidencia de Evo Morales e de Ban Kin-Moon, o moi pro-americano secretario xeral da ONU, clausurouse en Bolivia a xuntanza do G-77 ampliado a China. En realidade, o foro está hoxe formado por 133 países. Numerosos xefes de estado e primeiros ministros fixéronse presentes e emitiron alegatos anti-imperialistas. Cando o G-77 foi creado, hai agora cincuenta anos, estivo alí activo Ernesto Che Guevara. Esta organización da ONU, que pretende facer saír das lameiras do subdesenvolvemento todos os países da Terra, recuperou os días pasados, o espírito de Bandung, dos Non Alineados e da OSPAAL, aínda que, agora que non hai URSS, un non sabe ben o que poida significar o neutralismo. O caso é que o G-77 (máis China) se reconstituiu en Bolivia cun pulo moi poderoso. Chamoume a atención o presidente de Namibia, que dixo, de xeito conmovedor, que se alegraba moito de encontrar de novo un ánimo revolucionario que el cría que se esgotara no mundo. Comentamos sempre nestas columnas que estamos a vivir a postglobalización. O mundo xa non é unipolar senón que avanza na multilateralidade. Os EEUU retíranse, aínda que moi desgustados, do seu posto de amos do planeta. Unha nova esquerda, que califican eles de "populista" avanza imparábel en América Latina, a carón dunha Cuba que xa deixou de estar isolada e maldita no seu lazareto.

O relanzamento do G-77 máis China vai acompañado dunha invitación a Rusia para ela pasar a formar parte do foro. Isto é importante porque, deste xeito, dous países membros do Consello de Seguridade da ONU, China e Rusia, desenvolverán actividades converxentes. Estamos a ver que os países que elixen a soberanía económica e política tenden velozmente a se integrar entre si. No mundo intégranse os BRIC, a India, tamén Rusia está a reconstruír Eurasia como espazo político, e China impertérrita e omnipresente. Estes procesos de integración están a desmontar o Imperio perante os nosos ollos. É tal a frustración de Norteamérica, que acumula os errores en Orente Medio, digamos agora que en "Levante", e o resultado é barbarie relixiosa da peor especie e moito sangue. Hai tempos falábase de "diamantes de sangue". Son horas de falarmos xa de "petróleo ensagrentado". Falou no G-77 Cristina Fernández, e moi solta, sobre a dictadura dos "fondos avutre" que teñen as súas covas de Ali Babá en Man, Jersey e demais paradisos artificiais, europeos. Gustoume a verdade radical aymara de Evo. Ao humanismo dos bos e xenerosos caeulle moi ben a prédica de Pepe Mujica (acentúese no i). O sorriso de Correa pon de pedra pómez o corazón do inimigo. Non se extrañen vostedes, pois de que a censura de medios correse as fechaduras. Os xornais, radios e televixo que domina o Imperio non falaron do G-77 máis China. Sobre todo, por ser China, e por arrevoar sobre as cabezas dos congregados a pantasma do Che.