Acción de conducir ao pobo utilizando planeamentos radicais co fin de mobilizar as masas, fundamentalmente con fins políticos. Etimoloxicamente, do grego demos (pobo) e agein (dirixir), sería por tanto a arte, estratexia ou poder de conducir ao pobo. Na antiga Grecia, berce da democracia, o demagogo era o xefe do Partido Popular, que dende logo non ten nada que ver co PP noso das nosas miserias, pero non deixa de ter graza a cousa.

Dende que na noite do 25M se coñeceran os resultados da opinión da rúa en forma de voto ao Parlamento Europeo, os dous partidos que se reparten a tarta da política e o que tamén quere as sobras deste pastel deixaron e azuzaron os cans que controlan contra esta raiola de esperanza, este sopro de aire fresco que nos trae o grupo Podemos, en medio de tanta podremia e cheiro a merda que nos está a afogar. A acusación principal que usan como argumentario en contra dos postulados de Podemos é: O uso consciente da demagoxia.

Pos ben, imos xogar un pouquiño ao seu xogo de mestres demagogos, deixando claro que non vou usar nin falacias (argumentación que utiliza premisas falsas), nin a manipulación interesada dos conceptos e significados, nin a omisión (obviar interesadamente parte da verdade segundo interese á exposición), nin xogar a tácticas do despiste, no que eles son expertos, nin usar estatísticas fóra do contexto, ao seu antollo, que minimizan ou maquillan a realidade, nin demonizar ao contrincante dialéctico, nin tan sequera tirar do falso dilema, estás comigo ou estás contra min, tal e como fan eles, auténticos demagogos.

Non é demagoxia cuestionar a realidade porque non nos interesa? Pregúntelle ao presidente da Rioxa e ao Sr. Román, deputado no Parlamento Galego, cando argumentan motivos ao peche dos comedores escolares no verán. Non resulta bochornosamente demagogo modificar a EPA,ou usar as listas do INEM segundo interese para avalar a política social e laboral e a taxa de paro real do país. Pregunten á Sra. Báñez ou ao Sr. Presidente do Goberno? Tal vez non son demagoxia pura os argumentos do Sr. Gallardón, á sazón ministro de inxustiza, para colocar as reformas da xustiza universal, o proxecto de lei da suspensión do embarazo ou a reforma da gratuidade da xustiza para todos? Imos esquecernos do da xustiza é igual para todos, porque dá risa, á vista da utilización que se está afacer da posibilidade do indulto por parte do Goberno. E que me contan do ínclito Sr. Wert e o seu argumentario cheo de falsidades, mentiras interesadas, falacias, estatísticas manipuladas, uso e abuso dos dilemas e demonización mesmo do colectivo universitario e da totalidade do escolar, coa súa reforma clasista, sexista e privatizadora, co único fin de acabar co público? E xa non imos falar, para que?, dos argumentos da nosa amantísima ministra de Sanidade, máis interesada nos cartos que na saúde boa ou mala dos que pagamos relixiosamente para o seu sustento. Pero é dura demagoxia, mentira tras mentira, con pleno coñecemento de causa e tan so para acadar os seus fins partidistas, conveñan ou non á maioría. Iso é o de menos.

Despois disto, o programa de Podemos é un xogo de nenos, ao peor unha mentirixiña, "meter mentira para sacar verdade", que din en Estremadura.