Domingo 15 de Xuño pasado asaltoume a imaxe dun teólogo de Lovaina co fusil de asalto na man e, no bicens, a bandeira vermella negra do ELN de Colombia. Era Camilo Torres Restrepo, morto en combate o ano 1966, que volvía desde as páxinas de Verde Olivo, Pensamiento Crítico, El Caimán Barbudo, as revistas cubanas que resistían o novo revisionismo soviético e o eurocomunismo en estado de larva. Tamén fago memoria do comandante Manuel Marulanda, Tiro Fijo, que dirixiu as FARC desde 1964.

Vivimos hoxe un momento histórico que, entre outras cousas, está caracterizado polo feito de ser posíbel o tránsito do capitalismo ao socialismo por vía pacífica, de masa e mediante o sufraxio universal. En Chile, Allende non o conseguiu. Pero en Venezuela, en Ecuador, e outros sitios si que foi e está a ser posíbel. Os que modulan o discurso do pensamento único pro-norteamericano estanlle a chamar a esta política democrática socialista, de forma tan unánime como aborrecida, populismo. Antes chamabámoslle "populismo", no universo marxista, a Haya de la Torre e ao APRA, somentes Agora, Norteamérica, nos seus laboratorios de agit-prop, apoderouse do termo "populismo". A verdade é que me están facendo sentir un mundo de "populista".

Se queren coñecer a fonte profética da nova doutrina, dirixida primariamente contra Venezuela, vexan o catecismo. Titúlase A political theory of populismo. Os seus autores ostentan uns nomes realmente raros. Parecen extraídos da literatura de J.R.R. Tolkien ou, se cadra, nomes de guerra usados por tenebrosos espías: Daron Acemoglu, Georgy Egorov e Konstantin Sonin. Non lles dou máis referencias porque non estou disposto a contribuír á difusión de productos pseudointelectuais de propagandas de tal xénero. Neste intre histórico, os EE UU chaman "populisto" a todo goberno que lles resulte incómodo aínda que este respecte, digamos que como Venezuela, todas as declaracións de dereitos humanos que se proclamaron no mundo desde a de Independencia dos EE UU. E producen, co método Sharp, outro "xenio orgánico" do imperialismo, revolucións multicolores, garimbas varias, golpes duros e moles, contra todo aquelo do que non gostan.

Queiran os EEUU ou non, os tempos din que é viábel o pacífico ao socialismo. O socialismo con rostro humano, que era unha montaxe da CIA en Praga, resulta agora verde nos países de ALBA. Por tanto, o candidato defensor do proceso de paz coas FARC e co ELN en Colombia, Juan Manuel Santos, gañou e deixou fóra o uribismo, humillando, ao mesmo tempo, os protectores norteamericanos que levan mandando en Colombia dende o asasinato de Jorge Eliecer Gaitán en 1948.

De xeito cargado de sentido histórico, as conversacións de paz entre o goberno colombiano de Santos e as guerrillas están a celebrarse en Cuba.