Póñense en contacto con este cronista algúns de entre Vdes. -sempre moi amables lectores- para urxirme que escriba, "pero desta vez en serio" (sic), arredor da abdicación de Juan Carlos I e mais da necesidade, ou non, dun referendo respecto da controversia monarquía/república. Buscarei facelo de contado; non obstante e antes de tal, debo aclarar para tutti quanti que sempre escribo absolutamente en serio. Outra cousa, iso si, vén ser a tonalidade empregada; sobre ese particular, acontece que hai ocasións nas que un dos obxectivos a acadar consiste, xustamente, na procura dun sorriso cómplice; e é que creo de veras que semellante licenza forma parte esencial do propio oficio da escrita e velaí que nin poida/ queira/ deba renunciar a ela. Matizado o cal, imos tentar hoxe unha sintaxe máis circunspecta.

Sen dúbida, unha das pexas coa que veu dando a idea republicana en España consiste na equiparación inmediata entre "república" e "radicalismo/disgregación" ou aínda entre "república" e "II República". E é que cando a propaganda -feroz- substitúe o relato histórico, acontece que os prexuízos, deformacións... acaban configurando fantasmagorías coas que algúns pretenden desactivar calquera intención real de armar efectiva a soberanía popular. É dicir, trátase de que aceptemos algo así como que a forma monárquica está escrita nos ceos e que calquera abalo da mesma ha de deitar, por forza, todo un país cara á pendente do abismo. Xa que logo, se hai algo no que teñen de perseverar os defensores do sistema republicano, tal radica, en boa medida, en explicar ás claras que o seu horizonte non consiste de ningún xeito en artellar unha especie de remake de 1931; ben polo contrario, a III República ha de responder plenamente á consistencia da sociedade actual, para a cal si se organiza e deseña.

Doutra banda, moito antes e máis alá do propio debate respecto das bondades/dificultades de decidirmos entre un rei ou un presidente, aquilo que máis importa vén ser o imprescindible -absolutamente imprescindible- que resulta poder efectuar con liberdade esa mesma escolla. "Monarquía ou República?: Democracia", escribía nos pasados días alguén tan pouco sospeitoso de deslealdades cara ao establishment como vén ser Juan Luis Cebrián. Pois ben; para alén do contido da reflexión que Cebrián efectúa a seguir no seu artigo, no que si acerta, en calquera caso, radica na mesma esencia do rótulo. Porque a clave, o alicerce, a pedra angular sobre a que construírmos unha verdadeira democracia -isto é, unha forma xurídico-política que responda de veras ao exercicio da plena soberanía do pobo español- fai pé en que ese pobo, acaso por vez primeira na súa longa xeira, poida decidir, sen dramatismos, ameazas e/ou coaccións, arredor da contextura dese piar.

Poden querer facer do negro branco. Mais o certo é que todos aqueles que tiñamos idade para acudir ás urnas o 6 de decembro de 1978, sabiamos dabondo -e o que non o sabía era porque non quería/non lle interesaba saber- que había tres cuestións tabú, imposibles de cuestionar. O enxuizamento da ditadura e mais a persistencia dos privilexios dos que a apoiaran e/ou serviran; a posibilidade/imposibilidade de axeitar unha fórmula federal para o conxunto do Estado; a libre elección entre a forma monárquica e a republicana: velaí tres apartados intocables para os poderes fácticos que tutelaban, con evidentes signos de mala dixestión, todo o proceso. En consecuencia, do que se trataba era de elixir entre unha xeira democrática (recortada) ou o deserto. Pactamos, loxicamente, a primeira opción.

Foinos tan mal? Desde logo, a resposta é que non. É evidente que estamos onde estamos e escribindo o que estamos a escribir. Na -demasiadas veces- atormentada historia de España, o reinado de Juan Carlos I constituíu unha etapa de luz.

Alén da estéril descortesía da ofensa, perden o tempo algúns en alcumar(nos) como "frikis, bolivarianos, populistas". Porque acontece que somos millóns, os cidadáns -de ben diferente adscrición ideolóxica, procedencia social, idade...- que coincidimos, non obstante, en interpretar que en 1978 asinamos unha conxuntura e non un contrato matrimonial "até que a morte nos separe". De feito, os votantes do Partido Popular, esoutros que depositan a súa confianza no PSOE..., incluso os defensores -lexítimos- de Filipe VI deberían estar interesados en fomentar, todos eles, a celebración dun referendo arredor tanto da forma de goberno como aínda do propio modelo territorial do Estado no que queremos habitar. E non; non se trata nin de negar as virtudes destas máis de tres décadas da nosa historia recente nin, desde logo, de prescribir saltos mortais sen rede, puros fogos de artificio. Trátase, polo contrario, dunha cuestión de principios, dun exercicio de hixiene elemental cuxa oportunidade todos deberiamos -deberían- comprender. Sen remorsos nin traxedias; sen espectros nin rancores. Os pobos de España, de certo, non merecen menos.