A Praia de Beluso está sufrindo a terceira e definitiva agresión nos últimos anos. Esta é a estocada final, así se sente. Viviamos tranquilamente nun entorno paradisíaco, unha pequena enseada sen máis pretensións que a de manter por moito tempo o seu estado natural e mariñeiro. Primeiro vimos como se facía un caprichoso e monumental peirao sobre unha parte da praia. Día tras día vertíanse miles de camións, miles de toneladas de cascallo, ata ganar unha enorme explanada, roubada ao mar e aos veciños, na cara norte do peirao vello e orixinal.Case todos nós, pensabamos que na Pedra Blanca había un peirao natural que con menos entullos, daría máis prazas de amarre. A nosa opinión non foi considerada, supoño que porque non eramos técnicos. Tamén vimos como dita obra remataba cun enorme e innecesario círculo-rotonda, ampliado cun dique por se fose pouco quitarlle ao mar.

Despois de ver como as consecuencias de dito peirao fan que cada vez teñamos menos praia, debido ao corremento da area; de perder visibilidade sobre o mar e a costa de enfronte; de sufrir os atascos do verán... tivemos que aturar a construción dun edificio mais decorativo que práctico, que co tempo se deteriora sen chegar a ser utilizado case por ninguén.

Dende o pasado mes de xaneiro iniciáronse os traballos sen previa exposición pública do proxecto sobre a obra "Mellora da accesibilidade e seguridade peonil do acceso ao porto de Beluso-Bueu" Nun principio avanzaron moi rápido pero tras un parón, provocado por diversos motivos, os veciños intrigados e alarmados polo discorrer das obras, pedimos información ao alcalde sobre dito proxecto, e ao tempo pedímoslle que mediase por nós ante Portos e Costas, para introducir algunhas melloras.

1. Escoitou as nosas queixas,provocadas máis pola construción do peirao que pola actual obra, como: mellorar a repercusión negativa do peirao nos movementos da area. Encargar un estudo esta vez serio, completo e imparcial (non feito polo organismo que executa a obra) que permita coñecer e reparar os danos provocados por este peirao que transformou "irreparablemente" si así o queren a zona.

2. A ampliación da curva que vai da "Centoleira" ao peirao, co fin de que este tramo deixe de ser un funil de un só carril para a circulación rodada.

3. Ampliación da entrada a zona portuaria.

4. Non eliminación das ramplas existentes nin das escaleiras de acceso á praia.

5. Continuar o paseo ata Bueu que é o que realmente fai falta

6. Asegurar a limpeza da zona baixo o paseo. Colocación de duchas ben repartidas.

7. Minimizar os problemas derivados dos cortes de tráfico provocados polas obras.

8. Outras suxerencias para regular o tráfico, sinalizar e pintar a estrada debidamente, para evitar os insufribles atascos do verán. Colocación de puntos de redución de velocidade, sinais, aparcamentos, ...

O alcalde, amablemente, nos convoca e recolle as nosas demandas. Nunha nova reunión explícanos os resultados das xestións con Portos e Costas. Resumimos: seguimos sen ver claro o proxecto, e aínda que se pode facer unha baixada mais, o punto que mais nos interesa a todos os veciños (a ampliación da curva de acceso ao peirao) parece ser innegociable porque Costas se nega rotundamente a afectar a praia. Si? Que ironía que este sexa o argumento que nos dan Portos e Costas xuntos. Que ironía que se nos venda esta obra como "Mellora da accesibilidade e seguridade peonil do acceso ao porto de Beluso -Bueu" Que sorte temos e nós sen saber valorar tanto ben xunto!

Parece que nos queren compensar cun paseo que nos quita (xa nin queremos saber cantos metros cadrados de area) e nos din que non se poden quitar 100 metros mais? Metros ben necesarios para facer unha mellora real, pois facilitarían o tránsito rodado ao porto. Para colmo de males, en vez de arranxar o verdadeiro problema, agora sángrannos o areal con dúas ramplas que cortan a praia en varios puntos para evitar que se despraze a area.

Queremos deixar constancia de que a praia se perde moi ao noso pesar. Nós ben sabemos que se fai o que se quere facer. Que a praia se toma cando convén, a pesar de que os cartos públicos son de todos e non só dos que poden dispór deles. Estamos convencidos de que as obras públicas como esta, se non resolven problemas no lugar onde se impoñen, deixan moito que desexar. Nós non pedimos estas obras, nin as precisabamos. Canto mais diñeiro se invirte no lugar mais problemas se crean. Non obren mais se non se fai o que verdadeiramente necesitamos e reclamamos dende hai moitos anos. Non máis regalos! Pola nosa parte retiren todo: peirao, casetas e paseo.

Pero teñen sorte estes alleos organismos que velan e protexen as nosas praias e a nosa costa coma se fosen deles. Teñen sorte, porque os veciños da Praia de Beluso tristemente calamos pero dende logo non outorgamos. De verdade que ninguén sabe ver que nos estan a estragar o entorno?

*Ana Gil Medraño (en representación dun grupo de veciños que vivimos da Praia de Beluso).