segunda feira

Castrapo catalán

09.06.2014 | 02:37

Sendo neno, lía a Pulgarcito e o TBO (editados en Barcelona) e alí notaba palabras raras. Os paisanos ou labregos recibían o nome de "payeses", poño por caso. O reporter Tribulata ("que en todas partes se mete") traballaba na redacción de El chafardero indomable. Eu non sabía que, en catalán, "xafarder" significa algo así como "suxeito que tende a falar moito e mal dos demais". Logo descobrín que naquel Principado hai unha forma de falar castelán impregnada de catalanismos, igual que en Galicia existe un castelán contaminado da lingua proletaria do noso Pobo.

Nas Ramblas de Barcelona, achegándome ás tertulias que aló se formaban, recibín moitas leccións do que chamaremos castrapo catalán. Esta maneira de falar foi moi ben utilizada por Eugenio a efectos cómicos, igual que fixera co castrapo galego Xan d'as Bolas nas españoladas de Cesáreo González, Suevia Films. Un certo castrapo catalán foi detectado no discurso público de Roca, máis ca no de Pujol, no pasado. Hoxe a fala castelá intervida de catalán aparece, non sei se conscientemente ou inconscientemente, en individuos televisivos de grande influencia. Buenafuente ou Évola, digamos. Agora estou a ouvir moito madrileño mediático que, desde logo sen sabelo, reproduce fórmulas léxicas e fraseoloxía procedentes do castrapo catalán, escola das Ramblas.

Por poñer un caso, hai quen di en castelán "según que cosas" en lugar de "algunas cosas" seducido polo castrapo catalán. Iso é, para simplificar, castelán procedente do castelán influído polo catalán. O cambio ou mudanza lingüística foi sempre así de revirado. Cataluña é moi odiada en Madrid, pero tamén moi envexada. O cómico é cando algún intelectual galego que copia dos madrileños se pon a catalanizar escribindo ou dicindo polas radios "segundo que cousas".

Hai casos extremos. Ninguén de Vostedes ignora que a igrexa onde está a cadeira ou cátedra do bispo da diócese leva entre nós o nome de "catedral". En castelán chámase "seu", que coñece unha castrapización "seo" que coido que está oficializada en todo o reino de Aragón. En galego, digamos portuguesizante, podíase chamar lididamente "sé" a catedral. E ben, en ocasión do episodio do roubo e aparición do Códice Calixtino, eu lin en algún periódico galego que se refería ao deán o do arquivo da "seo" de Santiago de Compostela. Tal periódico, sumamente belixerante contra a independencia de Cataluña, non tiña incoveniente en amosar a súa sumisión a algo tan fráxil e destinado á extinción como é o castrapo catalán.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine