Hai, desde logo, moi serios indicios de que o 13 de abril de 1931, en pleno debate arredor da situación política española daquela xeira, Francisco Marhuenda respondeu deste xeito á interpelación efectuada por un dos seus compañeiros de tertulia mediática: "Mañá, dis? Preguntas que vai acontecer mañá? Pois moi simple: mañá será martes, 14 de abril". "E máis nada?" -retrucou, aínda, o seu interlocutor--. "Pois que estará soleado en Madrid e na maior parte das provincias", aclarou Marhuenda, abaneando a cabeza.

Evidentemente, onde pon Marhuenda poden poñer Vdes. o nome e apelidos que lles pete -Xosé Luís Barreiro Rivas, sen ir máis lonxe- de entre os todo-lo-saben gurús provincianos, terminais de terminais que nos aseguran cada noite que catro anxos velan as catro esquinas das nosas camas sen que ningún malvado friki veña enturbiar os soños de días felices de viño e de rosas. Non obstante, pensen tamén que algun deles -dos gurús- participou igualmente naquela célebre reunión celebrada no Hotel Savoy da Habana, o 28 de decembro de 1958, no trancurso da cal -Michael Corleone discrepante- deu por válido que o goberno de Fulgencio Batista estaba máis forte que nunca e que os frikis -digo, os barbudos- castristas non tiñan nada de nada que facer. En fin, non lles digo/escribo eu aquí e agora a Vdes. que as liñas paralelas teñan un punto de encontro establecido, pero si que -de novo Corleone/Pacino dixit- a historia nos demostra que, ademais de que se pode matar (polas bravas ou metaforicamente) a calquera, todo o que aparenta sólido e definitivo pode moi ben esvaer no aire.

Desde logo, non me apetecería especialmente estar no seu pelello. Estou a aludir, claro é, a ese mesmo do próximo/próxima secreatario xeral da organización que aínda responde polas siglas PSOE. Antes de que as trompetas da Apocalyspe now nos deixen xordos, canta e canta saudade, imperecedeira lembranza alimenta xa D. Mariano Rajoy polo seu vello amigo Alfredo! (Pérez Rubalcaba, claro é). E é que, veña quen veña ser o elixido, o grave -gravísimo problema para os alicerces do sistema que aínda nos impera- non vén ser outro que a escolla sexa efectuada polo común dos militantes mortais da vella formación que fundara, aló polo 2 de maio de 1879, un ilustre ferrolán chamado Pablo Iglesias. Pablo Iglesias, si; sóalles aos -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais de algo?

Efectivamente; tal semella que cazase bolina longa a lixeirísima e veloz embarcación que patronea estoutro Pablo Iglesias -Pablo Iglesias Turrión, madrileño de 1978, para sermos exactos-, capaz de sortear nesta hora os baixíos, penedos, enredos... das cartas de navegación e/ou aínda os sinais equívocos emitidos desde determinadas (pretendidas) torres de control marítimo. Como escribimos hai apenas uns parágrafos, nada máis lábil, certo está, que a política e as súas arroutadas. Agora ben; se "el tío de la coleta" -como algúns pretenden alcumalo sen éxito- non devén o peor inimigo de si mesmo, é toda unha probabilidade que a súa plataforma, en coalición coa Izquierda Unida de Alberto Garzón -entre nós, coa AGE de Yolanda Díaz- e con outras agrupacións poderosas nas chamadas "nacionalidades históricas" sexa capaz de atinxir o que os italianos denominan o Sorpasso: isto é, que unha converxencia electoral da esquerda realmente existente se convirta, adiantando ás hostes do PSOE, na segunda formación con presenza no Parlamento español. Unha segunda forza no arco parlamentario, daquela, pero talvez gobernante nalgunhas grandes/medianas cidades e cun horizonte aberto en comunidades autónomas de relevo. Vaia; todo un pesadelo para o coitado Marhuenda (e/ou Barreiro Rivas)!

"Non pasa nada; trátase dun acto absolutamente normal nunha monarquía moderna e democrática e bla, bla, bla" -resisten, ou pretenden resistir a toda costa, os siareiros e "negros" a soldo do establishment-; sen embargo, a non ser que fiemos de veras na existencia de Papá Nöel e as fadas madriñas, nada máis lonxe da realidade dos feitos. Antes ben, tal parece que se tratase -parafraseando as formas coas se organizaban (organizan?) certas vodas- dunha verdadeira "abdicación de penalty", todo présas, mil nervios e pura e dura improvisación: en calquera caso, é doado comprobar que nada ten que ver cun proceso como esoutro vivido, hai apenas un ano, nos Países Baixos.

"Trátase do derradeiro cartucho da monarquía!" -sosteñen, da súa parte e moi axitados, os partidarios da III República--. A ver; o derradeiro, non, meus; pode que nin tan sequera o último. Outra cousa, iso tamén, é que non estea, precisamente, a Zarzuela como para disparar inútiles salvas con pólvora do rei, e nunca mellor mentado o vello adaxio. De todos os xeitos, falta por saber se, chegado o caso, D. Josemari Aznar viñese devir un dos candidatos concorrentes ás presidenciais republicanas; pero sobre todo..., sobre todo falta coñecer a quen apoiarían nelas os frikis (os frikis-frikis, quero dicir), capitenados por Jorge Javier Vázquez e "Sálvame". "De coña?" En absoluto, meus! Non fagan nunca Vdes. como fixera J.L. Rodríguez Zapatero no seu día: non menosprecien, por favor, o enorme poder da "Cosa Nostra"!