ao pé do farelo

Os nosos maiores

06.06.2014 | 10:22

Cando un é novo e tén toda a vida por diante para equivocarte unha e mil veces, un ve a xente de idade camiñando a modo e ranqueante fronte a nós, o pelo branco, así tan fráxil que da a impresión de irse a rachar en anacos de cristal se caen ao chan, as mans trementes e miles de engurras na pel e no corazón e da por suposto, erroneamente, que xa teñen a vida resolta.

Cando un é novo non comprende que tamén os nosos maiores, eses que chamamos con desvergoña "da terceira idade", moitos deles cunha carga de recordos, sabedoría e vivencia inigualables, e dos que tan so nos acordamos de cando en vez, cando precisamos algo de eles, unha boa neneira, alguén que leve o noso pequeno ao parque, no mellor dos casos, o dos que botar man porque non chegamos a fin de mes, o no peor dos casos son a única fonte de ingresos na familia, grazas a súa pensión. Eles, digo, tamén senten, sófren, padecen e viven cheos de contradicións e medos os mesmos que a xente nova non son quen de imaxinar.

Eles tamén, dende logo que si, poden estar feitos un lío e sentirse perdidos, confusos, fracasados, esquecidos, maltratados. Eles tamén poden estar cheos de temores e inquedanzas, e seren conscientes de cantas e cantas cousas fixeron mal no pouco tempo do que disfrutaron. Cantos e cantos erros cometidos, cantas ilusións falsas, canto autoengano para poder seguir adiante,cantas cousas terían que cambiar de poder vivir de novo o pasado, cando menos. Sobreviven coa certeza de que case que todo na súa vida tería sido diferente no caso de tomar outra decisión no momento axeitado. A vida eche así, un cúmulo de erros, unha chea de cruces de camiño no que tes que decidir cara onde queres ir, o peor de todo e que non sabes o que che agarda ao final e se acertaches ou non. Nunca o imos chegar a saber.

No caso extremo, alí sos diante do espello de se mesmos, cando na soidade da habitación baleira e fría fan exame do que foi toda unha vida, senten nas súas gorxas de pel fláccida aterecidas polo medo autentico ao descoñecido, a certeza do futuro que agarda por todos nos a volta de calquera esquina, a morte sen dubida o único irremediable e definitivo da vida.

Cando un é novo nada desto ten sentido, e cre coa estupidez propia da xuventude -a única enfermidade que se cura co paso dos anos- que un pensa é eterna, que os vellos teñen a vida resolta e non poden entender que estes tamén poden estar feitos un lío e cheos dun medo visceral a non espertar mañá, a non ter unha nova oportunidade de dicir á súa compañeira/o de sempre: "Quérote", e entregarse nunha tenra e doce aperta de corpos e almas, sempre novos no seu recordos, porque é o único real polo que non pasa a criba dos anos: Os recordos, malia que ás veces a cabeza vaise e o pouco que nos queda auténtico, ala vaia tamén deixándonos secos coma unha folla de carballo nos outonos dourados destas nosas fragas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine