Pois nada, xa o dixo hai anos Aznar, o Presidente presente, que molesta a case que todos dentro e fóra do seu propio partido: España va bien! Anos despois chegou o ínclito Zapatero e acabou de fodela cos famosos brotes verdes da economía española. Entrambos os dous temos o que temos hoxe: Entre todos la mataron y ella sola se murió, sabedoría popular da boa, sen dúbida.

Nun país no que se paga o que todos sabemos por un futbolista, que ao fin e á postre o único que fai é pegarlle patadas a un balón, e ás veces malamente. Nun país no que os científicos, os mellores investigadores, os xóvenes mellor preparados que deben aportar ao noso desenvolvemento todo o seu caudal de coñecementos, son invitados a marchar, por falla de recursos e investimentos: Mobilidade exterior, segundo a ministra. Nun país no que o desemprego non para de medrar a pesar das manipulacións e maquillaxes das estatísticas. Nun país, o noso, no que se está a producir un desequilibrio demográfico gravísimo, no que o relevo xeracional estase a poñer claramente en perigo. Nun país, no que o crecemento da desigualdade social é xa una realidade, a falla de oportunidades, o nepotismo dos poderes públicos do Estado, a crueldade dos nosos políticos e representantes,e a corrupción son portadas nos xornais día si e día non.

Neste país, no que se salvaron os bancos e banqueiros pero non se pode salvar as persoas, os máis débiles, os máis miserentos e desfavorecidos, temos que empezar xa a falar do que denuncian coa urxencia da necesidade oenegués de nada dubidosa reputación coma Unicef ou Save the Children. Hoxe, no noso país dos soños, os nenos que viven por debaixo do umbral de pobreza supoñen o 20,8% da poboación infantil europea, triste medalla de prata, tan só nos gaña Rumanía. Os nosos rapaces -nosos porque todos nós temos unha obriga moral con eles- pobres, sen recursos, carentes dunha axeitada alimentación, ás veces sen posibilidade de acceso a educación, por falla de oportunidades, os que están no límite da exclusión social continúan medrando irrefreable e sen que ninguén faga nada por eles.

Esta é a realidade do país, non a que están a vendernos coa marca España, estes de sempre, os da recuperación. Eu pregúntome: Recuperación, de quen? Recuperación, de que? Recuperación, a costa de que? A nosa triste realidade é a fame infantil que denuncian Cáritas, Mensajeros de la Paz, Unicef e outras moitas organizacións.

Pero aínda peor é a nosa insensibilidade ante o problema, o acto involuntario de mirar cara outro lado ante unha man tendida ao ar en calquera esquina das nosas rúas pedindo unha esmola.