Malia todos atrancos e a crise, hai en Galiza centos de asociacións culturais e sociais que recrean a música, os cantos, os oficios antigos, a historia, a lingua do país, etc. Existen especialmente nas áreas rurais e nos barrios das cidades. A súa importancia para manter acesa a identidade nacional non ten dúbida. Que sería da nosa cultura sen estas asociacións xurdidas das clases populares? Porén, malia ao inmenso labor que desenvolven, as achegas públicas que reciben son cativas. Aínda máis, as institucións teñen con elas unha actitude cada vez máis remisa, que contrasta coa que hai con outras organizacións de tipo humanitario ou solidario, e que contrasta tamén coas de tipo económico, ou coas da cultura dirixida ás elites.

Con este xeito de axer non é doado manter e potenciar a cultura e lingua de Galiza, por máis que despois, nos actos electorais e nos programas partidarios, se asegure unha e outra vez que existe vontade de potenciar a nosa cultura e lingua (cada vez con menos forza e sentimento por parte dos partidos de ámbito estatal). Na práctica gástase máis na construción dun museo repetitivo, deses que despois non se sabe que facer con eles, ou na contratación de grupos musicais foráneos para as festas de calquera cidade, que en todas as asociacións culturais que existen na Galiza.

Non se trata de deixar de traer conxuntos de moda e de construír museos e pazos de congresos, nen de deixar de apoiar a aquelas empresas que necesiten axudas para manter o emprego e xerar riqueza, senón de equilibrar, de priorizar con xeito. Cómpre darlle á cultura e lingua o lugar que lle corresponde, encetando pola nosa. Trátase de deixar de dicir que se fai moito pola nosa cultura e idioma (mesmo hai quen fala de privilexios) cando se lle adica cen veces máis cartos a potenciar o castelán dentro do noso propio territorio. Iso si, dun xeito indirecto, sen Lei de Normalización, e cunha Consellería e Dirección Xeral que non pon atrancos nese caso. Cómpre, como mínimo, darlle á nosa lingua (tal como recoñece o Estatuto de Autonomía) un tratamento igualitario, algo que hoxe non acontece. Asemade, non se pode esquecer, que atrás hai séculos de marxinación e colonización. Débese rematar coa insensibilidade e o desleixo das institucións, dende a Xunta ate as Deputacións e os Concellos, así como mudar a actitude das empresas residentes no territorio.

Neste contexto, tan dual e ateigado de contradicións, onde uns constrúen e outros abren buratos no barco, o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, están convocadas manifestacións pola plataforma Queremos Galego. Ese día, en todas as cidades galegas, entre elas Vigo, sairán á rúa milleiros de persoas para amosar un país vivo e que se nega a perder a súa identidade. Unha morea de xente que coida que a maior riqueza do mundo está nas mil e unha culturas e linguas que abrangue. Que ningunha é mellor, e que todas son necesarias e importantes. Unha mobilización solidaria, que quere reflectir un pobo consciente, orgulloso do seu pasado e que pode, como outras nacións o fan, construír un futuro mellor.