De meniño, eu subía continuamente ao adarve da torre feudal de Vilanova dos Infantes. Sígoo facendo ás veces. A vista á volta do horizonte é grandiosa. Domínase parte do val do Arnoia e do seu afluente, o Sorga. Alí o esta, o castro do Furriolo que nos separa da Limia. Case por cima do espectador, a cidade dos Coelerni, que é hoxe Castromau. No máis lonxe, o Monte Calvo de San Cibrao, onde Xosé Benito Reza identificou un menhir e outras pedras vetustas. Celanova, a capital monástica, non se ve desde o castelo de Vilanova porque cadra máis alta e está tapada polo outeiro da Pedra da Moa. Adivíñase. Como soe ocorrerlle aos vellos, sobrepóñenseme dúas imaxes. A imaxe do val do Arnoia e o Sorga da miña nenez, e a que teño agora diante.

No pasado, todo eran retallos de lameiro, e labradío, cultivos diversos, meses ondulando nas rozas do monte, millo nas veigas. As vacas, as pericas, as cabuxas, ían e viñan do pasteiro á corte ou viceversa. No monte dominaba o toxo que producía estrume, e a presencia do piñeiral era escasa. No presente, os montes e os ríos e os vales son os mesmos. Pero os cultivos, excepto puntos de horta e viñas escasas, desapareceron. Están as casas, pero adivíñanse deshabitadas ou dándo cobexo a xubilados. Non hai agricultura, non hai gando, salvo en casos nos que algún raro mozo emprende valentemente a recuperación agrícola e criadora. Dase por todas partes o regreso á selva europea primitiva. Carballos, biduliros, arboredo de corga e ribeira, enchen o espacio que antano ocupaba a laboura da terra. Dos montes expúlsase o toxo porque este xa non é necesario. Mesmo as arbores, dominates, cada ano son máis altas e témeras. Con diferencias locais, a agricultura e a gandería retíranse ou retiráronse xa de Galicia.

Un grande xeógrafo francés describira Galicia, nunha obra famosa, como "un vasto complexo agrario". Xa non o é. Na UE protéxense outros "complexos agrarios" que non son o noso. Urxe unha restauración da Nosa Terra, cuxo agro agoniza e ten zonas xa completamente ermas. Cando digo "ermo" digo o contrario de "cultivado". Urxen unhas novas repoboacións estructura capitalista é perxudicial para Galicia e para os pobos.

O parlamento da UE é mormente da política-ficción. Sen embargo alí pódense tratar os problemas que afectan ao pobo galego. Por iso penso que o mellor que nos pode ocorrer aos galegos nas próximas eleccións europeas é que resulte elixida unha muller galega e labrega que, por parte, pense Galicia como nación na que tamén están obreiros e mariñeiros. Chámase Lidia Senra.