O recente informe "A muller e a Cultura Galega (1)" do Observatorio da Cultura Galega amosa o que hai tempo supoñiamos, a primacía en Galicia das mulleres no terreo da lectura e do uso das redes sociais. Segundo este informe, no que se recollen os principais datos estatísticos relacionados coa situación actual das mulleres en Galicia no referente a súa relación coa cultura e o uso das TIC, as mulleres galegas len máis ca os homes, unha media de 16 minutos diarios elas fronte a 13 eles, mentres ca noutras actividades de lecer, como ver a televisión e DVDs ou escoitar a radio, están por debaixo do tempo dedicado polos homes. Tanto uns coma outros asisten pouco a espectáculos culturais (máis da metade da poboación galega non vai nunca o cine e apenas unha da cada catro persoas acode a unha función de teatro), aínda que entre as que o fan son maioría as mulleres.

No entanto, con datos referidos a 2010, ver a televisión e DVDs é en Galicia con moita diferenza a actividade de lecer preferida tanto polos homes (84,1 %) coma polas mulleres (78,9 %), dedicando eles cada día a isto dúas horas e elas unha hora e 47 minutos. Xaora, a lectura é en Galicia a segunda actividade cultural diaria dominante para o 21,8 % dos homes e o 26,3 % das mulleres, sendo unha hora o tempo de lectura máis habitual, sen existir neste caso diferenzas significativas entre uns e outras. Unha afección pola lectura que, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, se incrementou durante a última década no caso das mulleres e descendeu no dos homes que, pola contra, aumentaron o seu consumo de televisión e produción audiovisual. En definitiva, semella que en Galicia se consolidou unha tendencia na que as mulleres apostan máis decididamente pola lectura ca os homes.

O Observatorio da Cultura Galega estima como público lector en Galicia a 1.079.25 persoas, aquelas que leron algún libro, apenas un 41 % das maiores de 7 anos. Ou o que é o mesmo, máis da metade dos galegos non len nunca un libro, unha cifra moi baixa, preocupante, que sitúa a Galicia á cola dos índices de lectura dos países e comunidades do noso entorno. Deste millón de persoas lectoras en Galicia o 58,3 % (máis de 600.000) son mulleres, entre as que o 42,2 % (265.612) len máis de seis libros ao ano, lectoras habituais. Outrosí sucede coas persoas usuarias das bibliotecas públicas en Galicia, nas que tamén son maioría as mulleres, un 35 % das lectoras (220.119), sendo unha boa parte usuarias frecuentes destes servizos públicos de lectura. Cifras nas que volvemos identificar a forza das lectoras en Galicia representada por ese case cuarto de millón de mulleres galegas que integraron a lectura como a súa primeira actividade de lecer e cultura. Un colectivo de lectoras moi amplo e diverso, probablemente maior no país noso co número de socios de clubes de fútbol profesional, aínda que pouco representado na axenda pública utilizada polas administracións e medios de comunicación.

Este informe do Consello da Cultura Galega detense ademais no impacto das TIC sobre a lectura en pantallas. Neste caso os datos achegados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia detectan que en 2011 as mulleres galegas usaban menos o ordenador, internet e o comercio electrónico ca os homes, aínda que até os treitos de idade inferiores aos trinta e cinco anos o uso das TIC era superior por parte das mulleres ca dos homes, detectándose unha aprezable fenda de xénero xeracional no actual proceso de alfabetización informacional. Non obstante, no que atinxe ao emprego de redes sociais, as mulleres galegas as usan máis e con máis frecuencias ca os homes. O feito de que o 77,5 % das mulleres utilicen diariamente unha rede social (Facebook é a preferida en Galicia) fronte o 68,7 % dos homes amosa desta primacía feminina. Como tamén é significativo o feito de que as mulleres sexan máis activas, sobre todo no que atinxe a publicación de textos (un 4,3 % dispoñen de blog), fotos e música, pero menos proclives a utilizar servizos de almacenamento e descargar películas, aínda que vexan máis series e cine en liña ca os homes.

O protagonismo das mulleres como lectoras e participantes activas en internet, nas redes sociais, nos clubes de lectura de bibliotecas públicas, de asociacións culturais e centros educativos é un indicio esperanzador do pulo dun proceso de cambio social profundo. A existencia do que a escritora María Reimóndez chamou "sociedade de mulleres en lectura" debería contribuír e acelerar a construción dunha sociedade en igualdade real, superadora de prexuízos e condutas machistas. Esta silenciosa revolución lectora é unha das revolucións contemporáneas necesarias, posibles e irreversibles, moito máis se está protagonizada polas mulleres. Eis a forza das lectoras.

bretemas@gmail.com