Noé o patriarca sería feliz neste noso país tan avolto. Malia resultar pola miña parte un tanto reiterativo ano tras ano, sosteño que aínda non lle caeu a casca do cu ao tema da choiva. O que uns chaman cicloxénese explosiva e outros máis entendidos marusía con refachos de forza seis, sen poñerse de acordo de se está a chover duro ou fan augas menores sobre todos nós, volveunos a armar ao merlo como cada ano.

A auga con axuda do vento forte gáñanos á nosa tendencia á ociosidade, indolencia e falta de previsión. Cada vez que chove desbórdanse os ríos, os regatos e regueiros sen que ninguén faga nada por evitalo, inundando toda a superficie da nosa xeografía ourensá, obrigando a demandar axudas que non semellan ser abondosas nin ter o adecuado recoñecemento. Por outra banda, chispea ata que os encoros se enchen a fartar, pero o nivel de previsión dos seus xestores é tan optimista que sempre acaban por descargar máis auga da que prevén que caia, polo que o nivel co que permanecen nunca resulta suficiente.

En resumo, auga e barrais, lama e bulleiro, todo é o mesmo resultado se mire por onde se mire na orografía ourensá. - aínda por riba de ter auga, aínda que existan máis de cento trinta e tantos tipos de augas minerais en España á venda aptas para o consumo, a maior parte das nosas augas da traída nin sequera teñen o mellor color nin sabor para bebelas.

Engadimos como dato anecdótico un incerto número de colexios de Ourense que se obrigan a dar auga embotellada porque ocasionalmente a calidade das augas dos concellos nos que están encravados non teñen un plan de saneamento con persoal suficiente e acorde, ou simplemente porque o cloro non chega coa adecuada e motivadora rutina necesaria día a día á billa por onde os alumnos deses centros teñen que beber. Pregúntome para que servirán planos como os hidrográficos alén de campar moi ben na programación política dos principais partidos, ou os programas provinciais e locais contra este tipo de desastres ou zarracinas naturais, pois non hai máis que ir polas estradas da provincia e matinar, retorcendo o mal xenio propio no bandullo, se non sería mellor recuar no tempo e regresar á época do sacho, do arado e do carro de madeira, para non estragar os neumáticos, xa tan encarecidos de por si, nos buratos que nunca acaban de taparse nas pobres calzadas locais e provinciais, nin as vellas pontes de pedra que non acaban de pórse de novo en pé. Cuestiónome así mesmo se o plan de termalismo provincial e os sesenta millóns de euros para o turismo termal na comunidade nos van axudar a saír de todo o anterior problema.

Mais, e polo que a min respecta, creo sinceramente que os buratos económicos dos concellos en Ourense resultan tan onerosos de cubrir como esas vías perdidas da man de deus e intransitables que se tapan unha e outra vez teimosamente con carapelas como area de sábrego, e de mala gaña, burato tras burato, volvéndonos xordos, ata que volva diluviar outra vez e se poida ver o pozo sen fondo que hai nelas.