Daba a noticia os pasados días, en primeiro lugar, a prestixiosa revista "Science" (Nova York), órgano de expresión da Asociación Americana para o Avance da Ciencia. A partir das súas páxinas, viñeron ocuparse igualmente da cuestión todos os diferentes medios; nin que dicir ten, este venerable rotativo sempre na vangarda informativa. Pois velaí, daquela, que, segundo informan os profesores Stephen Kane --da Universade Estatal de San Francisco-- e Elisa Quintana --do Centro de Investigacións Ames (NASA)--, e grazas ao telescopio espacial Kepler, sabemos, por fin, da evidencia do primeiro planeta extrasolar (de entre os case 1000 que compoñen agora mesmo a nónima) a presentar unhas características tales que permitirían consideralo unha (case) "segunda Terra" con todo o que iso conleva no tocante ás posibilidades de albergar vida.

O corpo celeste en cuestión foi "bautizado" --ignora este cronista se de xeito provisional ou de forma definitiva-- como "Kepler 186f" e constitúe o quinto dos planetas do seu sistema, a xiraren arredor da estrela "Kepler 186", vindo estar situado a algo así como uns 500 anos luz de nós, na constelación de Cisne, segundo toman Vdes. a segunda ou a terceira rotonda --galáctica, claro é-- á esquerda nunha noite de amor, viño, rosas e primavera.

Andan pois, os astrofísicos e demais boas xentes da ciencia na procura de vida e, máis que iso, de vida intelixente fóra da Terra, supoñendo, desde logo, que a "vida intelixente" conforme de veras a nosa entidade. Con todo, e para alén de estimacións (para)nihilistas, acaso conveña --para aviso de navegantes interestelares amateurs ou "amadores", que lle din os nossos irmão da outra beira do Miño/Minho-- reproducirmos aquí e agora un parágrafo do magnífico libro de relatos de Lars Gustafsson titulado entre nós "O extraño animal do norte"; di así: "O máis difícil de comprender da mentalidade dos Antigos --continuou o Sétimo Lord--, en comparación, por exemplo, coa nosa, son dúas cousas: Primeiro, o interese que amosaron até o final polos planetas, esas estruturas extrañas e case sempre infecundas, un interese que tan só se pode explicar pensando que os relacinaban coas súas propias orixes. Iso foi a causa de que demorasen decenas de milenos máis do necesario en establecer contacto con outras especies intelixentes do universo porque sempre as procuraban nos lugares máis inverosímiles. O feito de que un sexa inverosímil non significa necesariamente que todo o demais ha de selo tamén". - peor aínda: "Pero cos Antigos (...) Toda a súa arte, toda a súa literatura, máis aínda: practicamente todo que deixaron como mostra das súas aspiracións artísticas, todo, o que se di todo, garda unha relación tan intensa e voluptuosa coa violencia, coa indución deliberada da dor, que estou certo de que habería que explorar a periferia galáctica de punta a punta para poder dar con algo semellante."

Reitero: non é que se apunte este modestro cronista a filosofías (proto)/(para) pesimistas-nihilistas como esa mesma que acabamos de enxergar. Agora ben; realmente, a pouco que o pensemos... para que desexamos establecer realmente un contacto extraterrestre? Pensaron ben ufólogos e demais as consecuencias que devirían de tal encontro na terceira fase? A ver; se resulta que os señores aliens acadaron xa unha civilización tecnicamente superior á nosa, unha de dúas: ou ben nos desprezan absolutamente por incapaces, obsoletos e seguidores de Antonio María Rouco Varela --e nos lanzan, en consecuencia, un supermísil que nos arrebole do outro lado da Stargate per omnia saecula saeculorum-- ou, postos en plan misericorde e make love not war, deciden predicarnos a súa boa nova. Toda vez que por aquí o común é andarmos revirados e plantarnos con aquilo de "como vou crer na túa fe se non creo sequera na miña, que é a única e verdadeira!", de todos os xeitos non nos libramos do misilazo: outra vez a tomar vento pola Stargate até a quinta dimensión!

Mais e se, polo contrario, somos nós os avanzados? Daquela qué? Pois xa me dirán Vdes: non deixaría de ter o seu aquel tirarlle o capirote a un nazareno e comprobar as feridas e chagas que lle foron medrando nas súas antenas verdes como consecuencia de tanto procesión e penitencia durante a Semana Santa de Orión ou Alfa Centauro. Ou aínda, xa postos, asistir a un enfervorizado debate nalgún canal televisivo de 70 Pegasi onde se discuta se os habitantes de PSRB 1257-12A teñen/non teñen dereito a decidir por si mesmos nun (hipotético) referendo convocado pola Generalitat Alien. Que opinan de Messi, Mourinho e Cristiano Ronaldo (e a súa irmá) na nube de Orth?

Aliens verdes e ananos; aliens moi altos e de pel esbrancuxada cal finlandeses recén aterrizados nas Canarias; aliens esquivos e grises, votantes de Montoro e Mariano. Como xa significou aqueloutro pisobiólogo de postín: "poida que si que haxa outros planetas, pero está claro que están neste, my friend!"