Con esta breve e humilde carta, diríxome principalmente a toda a clase política do Concello de Redondela. Sei perfectamente, como xa ben expusera en anteriores cartas a este mesmo xornal, que por moito tempo e tinta que gaste en escribir verbas con esta intención, é inútil, mais non me cansarei nunca de facelo.

É totalmente penoso e vergonzoso o que están a facer co Camiño das Ánimas, na parroquia de Chapela: nada. Absolutamente nada. ¿Como é posíbel que en case dez anos manteñan un camiño de concurrido tránsito diario nas precarias condicións nas que se atopa? ¿Cal é a maldita razón que nos dan, "ilustrísimos" políticos? Estamos fartos de que día a día, ano tras ano e campaña tras campaña, nos alarguen as esperanzas de acondicionamento e soñado asfaltado; de que os nosos vehículos e as nosas pernas sofran o que están a sufrir, empeorando cada vez máis. É unha auténtica vergoña pola súa parte que permitan esta situación.

Queremos e reclamamos con carácter urxente un camiño en boas condicións, non pedimos nada máis.

Dá moita impotencia ver como alumean cada noite as rúas principais nestas datas. Achéguense ao carón delas por un mísero momento, a ver se así iluminan un pouco as ideas e invirten os cartos con algo de sentidiño. As ánimas do noso camiño volo agradecerán; mentras tanto, seguirán agardando nunha penosa i esquecida oscuridade€