Que a cultura sempre estivo vinculada primordialmente ás esquerdas é case un tópico, e non obstante houbo e hai sinalados escritores e intelectuais de dereita, como puideron ser Camilo José Cela, Unamuno, Eugenio D'Ors e Manuel Machado, ou na actualidade Juan Manuel de Prada e Vargas Llosa, salvando todas as distancias que haxa que salvar entre uns e outros. ¿Por que, entón, reina a opinión de que a dereita está contra a cultura? O miolo da cuestión non é que haxa ou deixe de haber autores de dereitas no ámbito cultural, senón a postura que a dereita está a amosar dun resentimento claro contra o sector cultural por causas políticas. É dicir, saben que o enorme saco que se deu en chamar sector da cultura non é afín á dereita e converte tal condición nun desafío, pero en troques de lle presentar alternativa ás propostas dese sector tentan minimizalo e mesmo demonizalo ante a opinión pública. En lugar de actuar intelixentemente e saber que gobernas para todo o mundo, vóteche ou non che vote, para sectores que che teñen máis ou menos simpatía, poñen toda a súa actividade en tratar de facer que a xente non lle teña excesivo respecto a quen se dedica á cultura. Este non saber disimular ese resentimento, pensan, non lles traerá moitas desvantaxes, pois os que non consideran importante a cultura (ou mesmo están contra ela, que tamén os hai) seguiranlles votando e os outros, os que si consideran un asunto vital a cultura, xa non lles ían votar. Deste xeito, a política cultural da dereita resulta ser unha contradición per se, e non lles queda outra que defendela dende a administración pero con todo o sector en contra. No noso concello temos un clarísimo exemplo dese resentimento na supresión dun dos eventos máis importantes da nosa cultura amparándose na suposta austeridade en tempos de crise. Refírome á Festa do Gaiteiro de Soutelo, un estandarte e un piar da cultura local que ademais fora cualificado de Interese Turístico Galego polo goberno da Xunta de Galicia e que se ve relegado ó recanto do esquecemento por quen non lle sabe dar valor a un personaxe irrepetible tanto na cultura local coma na de toda Galicia, nin a outras persoas e símbolos que tanto supoñen para a nosa identidade. Pero casos así hainos en máis concellos e comunidades de todo o país, nomeadamente, aínda que con certas excepcións, naqueles e naquelas onde gobernan as dereitas. Isto sucede marcadamente, como digo, en España, onde ata incluso a obra de autores considerados de dereitas, agás tamén excepcións, non está á altura de países da nosa contorna, pois tamén outros coma Italia e Portugal atravesaron non seu recente pasado un panorama semellante ós corenta anos españois de oscurantismo, e non obstante na súa coetánea experiencia cultural os nomes e obras de inspiración ou sensibilidade conservadoras descobren perfís máis elevados ca en España, desenvolvéndose con naturalidade e vigor polos horizontes da modernidade. É dicir, o que ocorre no noso país coa cultura e a dereita é un camiño de paralelas que, polo tanto, non rematan de se atopar. Só nos queda formular un desexo: que o resentimento coa cultura non se converta na cultura do resentimento, pois vai camiño diso.

*Escritor e presidente de Foro Forcarei