Pasou xa algún tempo dende que un teutón de toda a vida como foi Johannes Gutenberg, aló polo século XV, déralle un pulo definitivo á imprenta, invento comparado nos fitos da humanidade coa chegada da informática e mais internet. Dende aquela o papel, incluído o dos nosos xornais, non se discute: difusores da información e do coñecemento; compañeiro inseparable dos nosos parroquianos cando lle botan unha ollada ás novas lutuosas e á previsión do tempo e, tamén, de esguello outros, á sección libidinosa de anuncios por palabras ou tamén chamada "breves" onde, entre outras, algúns anunciantes mesmo ofrecen ensinanzas completas doutras linguas coma o grego ou o francés.

Coma min, ben sei que hai algún que outro romántico seareiro do papel dos nosos xornais. Ademais, non ten efectos secundarios; todo son vantaxes: non consume enerxía eléctrica, podes levalo debaixo do sobrazo, empaquetar o bocadillo, etc.

E aínda por riba, hai vida despois da súa lectura, quero dicir que tamén ten outras "utilidades"; e para rematar: non lle facemos mal ao medio ambiente, porque é biodegradable.

Por todo isto, eu, dende esta curta sección de opinión -de papel- deste xornal desexo que a Unesco proclame a candidatura do papel dos nosos xornais coma "ben tanxible" da humanidade, e coma dixo un día o máis grande fabulador que tivo Galicia, D. Álvaro Cunqueiro: que dure mil primaveras máis!