Desde hai máis dun século, as declaracións de Parques Nacionais e Naturais, de Espazos Naturais Protexidos (ENP) e a configuración de sistemas territoriais de alta calidade ambiental como a Rede Natura perseguen un obxectivo fundamental: ordenar e protexer. Trátase de protexer áreas de elevado valor ecolóxico da urbanización, da expansión construtiva, do trazado de grandes infraestruturas ou de actividades de forte impacto (como a minería e a industria pesada). Para iso, as declaracións se insiren na Ordenación do Territorio, de xeito que un conxunto de lugares queden liberados de agresións irrecuperables. Pero ao mesmo tempo, as declaracións de espazos protexidos deben acompañarse de plans de ordenación e regulación. En Galicia, ate o momento, creouse unha boa rede de ENP, pero faltan documentos de xestión dos mesmos, que indiquen que protexer, que salvagardar e até onde chega a protección.

Respecto á protección, a primeira pregunta obrigada diríxese a quen protexer. E, neste senso, debemos ser claros. En primeiro termo, aos seres humanos que habitan en ou preto dos ENP, da Rede Natura; normalmente comunidades rurais en declive e avellentadas, pero que durante xeracións souberon convivir cun entorno natural privilexiado. Unhas comunidades ás que se lles limitarán algunhas actividades impactantes, se ben se lles debe compensar con políticas de axuda pública, para que sigan vivindo alí e dediquen parte do seu esforzo a preservar un medio de calidade. A Rede Natura non é sustentable sen xente que a conserve desde a veciñanza. Ademais, os plans de ordenación dos parques e espazos deben enumerar os seus principais valores como ecosistema. En función dos mesmos decretar diversos niveis de preservación, que serán revisables en función das ameazas que se sucedan no tempo (crecemento urbano nas proximidades, concesións mineiras, etc.). O obxectivo é manter pouco alterado o sistema biótico dos mesmos, incluíndo ás comunidades humanas (tradicionais) que os habitan.

Os ENP constitúen un ámbito de protección polos seus valores e riquezas, pero tamén como escenarios do disfrute ambiental por parte dos cidadáns. De feito, os primeiros parques nacionais (Yelowstone, Yosemite en América do Norte), creáronse para manter inalterados sectores de gran riqueza de flora e fauna, aínda que desde un comezo se contemplou a súa visita polos habitantes das cidades próximas. Por iso, os documentos de regulamentación contemplan o uso público dos ENP, un uso moi limitado en sectores ameazados, simplemente educativo en outros e turístico naqueles lugares aptos, rexidos por normas precisas. Neste senso, os plans teñen que calcular a súa capacidade de acollida de visitantes, un umbral que non debe ser nunca superado. Isto non implica un afastamento completo das prácticas turísticas, senón o seu encauzamento cara a un modelo non agresivo (sen vehículos a motor, con pouca xente nos lugares, etc.) e que poña en valor o importante que é preservar espazos ambientais únicos. Os ENP e a Rede Natura concibíronse para as persoas, só hai que transmitir que certas actividades no seu interior están prohibidas ou seriamente restrinxidas.