O turismo caracterízase por ser un sector en constante evolución e adaptación ás necesidades do mercado. En Galicia representa o 10,6% do Produto Interior Bruto e o 11,23% do emprego. Á relevancia do sector no conxunto da economía galega hai que engadir a súa capacidade de actuar como elemento de atracción para outros sectores empresariais, así como a súa potencialidade para xerar imaxe exterior.

A posta en valor turística dos diferentes destinos da comunidade, a través da especialización dos produtos e da segmentación dos públicos fomenta o reequilibrio territorial e o desenvolvemento económico, cultural e social.

Turismo de Galicia conta cun Plan Integral de Turismo baseado en seis liñas estratéxicas que teñen por obxectivo o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial; a consolidación como destino multiexperiencial con oferta segmentada e desestacionalizadora; o posicionamento de Galicia como modelo europeo de turismo sostible e o afianzamento dun sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador, coordinado e con visión internacional.

O Camiño de Santiago é o eixe vertebrador das novas alternativas turísticas e actúa como modelo demostrador internacional. É por isto que conforma unha das liñas estratéxicas do plan. De igual modo, Galicia debe basear a súa oferta turística nos nosos recursos endóxenos, que nos converten nun destino singular e tamén na sostibilidade ambiental, social e económica do noso territorio.

O fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo é outra das estratexias que o sector turístico galego debe potenciar; ademais da promoción e comercialización de Galicia como destino único baseado nun modelo a demanda. O consenso e a cooperación entre o sector público e privado contribuirán a xerar un marco eficiente e que xere novas oportunidades para o sector.

Así, os nosos atributos como destino teñen que ser posicionados, considerados como únicos e difundidos e comercializados para xerar unha imaxe de destino caracterizada pola calidade e pola diferenciación. Galicia conta con 1.659 quilómetros de costa, con 863 praias, co 12% do territorio protexido, cunha potente oferta natural, paisaxística, etnográfica e de patrimonio material e inmaterial. Somos o destino con máis Bandeiras Azuis do Estado e o segundo con máis distintivos de calidade nos nosos servizos turísticos. A natureza, a gastronomía, a oferta cultural, a meta dos Camiños de Santiago... Galicia ten só cousas boas que ofrecer.

Ademais, este ano conmemoramos o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, con eventos culturais, artísticos, expositivos e congresuais. Sen dúbida, unha boa ocasión para completar a oferta turística da comunidade con actividades que vinculan a cultura xacobea e a franciscana.

O slogan da nosa nova campaña turística: "Á xente que quero, recoméndolle Galicia", quere transmitir que a nosa terra é un lugar para experimentar sensacións, para apreciar a natureza, a tranquilidade, a historia, os sabores auténticos. Galicia é o bo camiño para aqueles que queiran viaxar a un destino único.

Directora de Turismo de Galicia