É un lugar común ler que Galicia entrou tarde e confusamente no mercado turístico. En realidade isto é certo só en parte, porque á contra do sucedido no litoral mediterráneo, orientado desde os anos 60 cara os mercados europeos, o litoral galego e en xeral as celebracións e eventos tradicionais ou relixiosos de Galicia (Xacobeos) tiveron -e teñen aínda-, un mercado emisor maioritario na península, que buscaba aquí praias menos masificadas, temperaturas agradables e sobre todo, gastronomía.

Con todo, un dos atractivos menos coñecidos de Galicia é a súa fronteira con Portugal que polo seu potencial turístico tería unha notable capacidade para xerar desenvolvemento local. Tendo en conta que polas pontes de Valença-Tui pasaron en 2011 case 12.500 veículos cada día (datos do Mº de Fomento, 2013), estimando unha ocupación media de dúas persoas, obteriamos unha cifra de algo máis de 9 millóns potenciais visitantes-turistas que atravesan o río Miño cada ano.

Dentro dos diversos recursos do Miño seleccionamos tres grupos, que polas súas características relativamente homoxéneas en ambas marxes do río, permitirían configurar un modelo de uso conxunto, identificando o concepto de turismo de fronteira e mostrando un maior potencial como factores de desenvolvemento local.

O primeiro grupo, humedais e desembocadura do Miño, é un dos de maior singularidade e que mellor identifica este territorio. Abarcaría ao espazo ribeirán dos municipios de A Garda e o Rosal en Galicia e ao de Caminha en Portugal. A súa explotación turística é moi deficiente e de feito, apenas é coñecida en ambientes especializados (watching birds, por exemplo, non a cita na súa web). Os mercados potenciais afectarían a diversos segmentos de demanda, tanto aos interesados pola natureza, como aos atraídos pola observación de aves (mercado principal inglés, perfil titulado superior, estadía unha semana e gasto superior aos 100 ?/ día).

O segundo grupo, ruta dos muiños de auga, aparece configurado por un recurso de especial singularidade no continente europeo. Esta ruta permite observar algúns conxuntos etnográficos espectaculares, coma os de Tripes en Tui, Folón e Picón, en O Rosal (agrupamento de 67 muiños), os de Salceda de Caselas e Arbo ou os de Caminha. O seu mercado potencial afectaría coma no grupo anterior, aos segmentos de demanda interesados pola etnografía e historia, mentres que o impacto económico pode ser elevado por tratarse de territorios rurais con moi escasa actividade turística.

O terceiro grupo, a ruta das fortalezas, é outra clara mostra dun potencial turístico infrautilizado, que permitiría por unha banda a recuperación do patrimonio monumental fronteirizo (moi deteriorado, aínda que con recentes actuacións puntuais de rehabilitación) e doutra banda, a identificación coa propia historia e cultura, incrementando o valor social dese patrimonio. Son dez fortalezas enfrontadas (Caminha-A Guarda, Vilanova de Cerveira-Goián, Valença-Tui, Salvaterra-Monção e Crecente-Melgaço), moi asimétricas na súa conservación e unha información escasa e puntual. O seu mercado potencial afectaría a diversos segmentos de demanda, desde os interesados pola natureza aos que están máis motivados pola historia. Si ademais a ruta integrase algún evento de recreación histórica cun centro de interpretación, o impacto económico en todo o territorio se multiplicaría. O único (pero nada desprezable) problema sería o acordo conxunto de ubicación. O mundo académico pode analizar, diagnosticar e facer propostas, pero non ten solucións para as negociacións transfronterizas.

Profesor de Economía Aplicada de la Universidade de Vigo