tRIBUNA LIBRE

A importancia do sector porcino en Deza

13.04.2014 | 01:26

Un 25% dos porcos que se crían en Galicia a nivel industrial e preto dun 90% dos de Pontevedra fano en explotacións da comarca de Deza, o que significa que o ano pasado as 376 granxas industriais da zona acollían preto de 235.000 cabezas de gando porcino, ás que se suman outros 30.000 porcos que se crían e matan de xeito artesanal no Deza en pequenas explotacións ou para consumo propio. Un sector estratéxico na comarca.

Cifras que por si soas xustifican un esforzo con maiúsculas en I+D+i no sector porcino, que a diferenza, por desgraza, do sector leiteiro, si conta con un bo número de empresas de transformación que elaboran produtos dun alto valor engadido e que propician que unha parte importante dos beneficios do sector queden na nosa comarca.

O mércores, na presentación do "Proxecto de mellora do sector porcino na comarca de Deza" , quedou claro por parte de técnicos do Centro Tecnolóxico da Carne, de Veterinaria da Universidade de Santiago e de Asoporcel que esta aposta polo I+D+i con respecto ao porcino é tremendamente atinada.

Como ocorrera hai agora máis de 20 anos coas primeiras experiencias e cruces encamiñados á mellora da cabana vacún no Deza, o sector porcino inicia ao abeiro de Depodeza un proxecto para mellorar na redución de custos, no incremento da calidade, e na consecución dun produto diferenciado que abra novas liñas de negocio nuns mercados que esixen cada vez mellor produto e de máis calidade.

O Centro Tecnolóxico da Carne traballa nesta iniciativa á que considera un exercicio para mellorar a competitividade do sector e dende a Universidade miman o proxecto por desenvolver investigación en sectores produtivos partindo dos recursos xenéticos propios como os do porco celta e aproveitando os recursos europeos para I+D+i nun intre en que a investigación non atravesa polos mellores momentos.

Esta opinión de técnicos de peso contrasta ca de aqueles que nun xesto insólito rexeitan un proxecto de investigación, desarrollo e investimento nun sector estratéxico, recreándose en chamarlle o proxecto do porco lalaíno sen darlle a importancia que realmente ten e pode ter nun futuro cercano.

A ninguén se lle escapa que, no mundo globalizado no que vivimos, a un bo produto que xa temos hai que arroupalo cunha boa dose de marketing e cunha imaxe de marca e calidade que o diferencie do resto. Algo que entenden especialmente os que dependen dun gran produto, pero tamén dunha boa campaña de marketing para que a súa conta de resultados sexa positiva a final de ano.

Só lles pido aos escépticos e aos agoreiros que "Nadie debe poñer tachas a obra namentras non se remata" como dicía Castelao e que valoren que se hai vinte anos se cambiou o futuro do sector lácteo na zona cos estudos de mellora que un grupo de gandeiros dezanos impulsou, agora o sector porcino pode vivir a súa particular revolución ao abeiro deste proxecto ao que só poñen tachas os que non se preocupan polo sector e as súas necesidades e si polos seus espúreos réditos políticos.

Confío en que este proxecto, cando chegue ao seu fin, aporte datos contundentes para a elaboración dun informe preciso de fortalezas e debilidades do sector en Deza e valga para iniciar un camiño cara á excelencia cun selo de calidade propio da comarca que redunde nuns maiores beneficios ao sector, abranguendo a produtores, industrias de transformación e hostalería.

Así van a ser todos estes traballos, ese é o meu desexo.

*Alcalde de Lalín

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine